En solitario. Así prevé atacar a Siria Barack Obama. O rexeitamento amosado polo Parlamento británico á proposta presentada polo primeiro ministro, David Cameron, deixa á administración estadounidense soa. Mais todo apunta a que o dirixente demócrata continuará adiante cos seus plans militares.
Segundo fontes consultadas polo New York Times Obama visa iniciar unha ofensiva militar que califica de "limitada" após @s [email protected] [email protected] pola ONU a Damasco abandonen o país. Segundo as propias Nacións Unidas isto acontecería este mesmo sábado, momento en que prevén ter rematada a súa investigación arredor do ataque perpetrado con armas químicas o pasado 21 de agosto.
"Estados Unidos ten capacidade para tomar as súas decisións no caso de Siria", asegurou en declaracións á imprensa un voceiro da Casa Branca mentres Londres debatía a súa participación no inminente ataque.
A Cámara dos Comúns británica rexeitou "dar un cheque en branco" a Cameron en relación á ofensiva militar deseñada polos EUA na Siria
E o certo é que o Parlamento inglés deu as costas ao seu mandatario e rexeitou por ampla maioría tomar parte da intervención. Neste senso, o ministro de Defensa británico, Philip Hammond, saiu ao paso da decisión e asegurou que o seu país non participará na ofensiva deseñada polos EUA após a votación negativa da Cámara dos Comúns.
"Desexaba", sinalou Hammond á BBC "que tivesemos sacado adiante a votación" pois --dixo-- "creo afervoadamente na necesidade de responder con forza o uso de armas químicas" mais, acrecentou, "respecto a vontade da Cámara". E é que a oposición asegurou non estar disposta a "asinar un cheque en branco ao primeiro ministro" e menos se as operacións militares previstas pola administración Obama non contan co visto e prace do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. A experiencia vivida coa invasión do Iraq en 2003 --daquela da man de Tony Blair, George W. Bush e José María Aznar-- espertou dúbidas entre os tories habida conta das semellanzas na campaña mediática sob a que se pretende lexitimar e xustificar o ataque a Siria e a orquestrada contra o réxime iraquiano.
A experiencia vivida coa invasión do Iraq en 2003 espertou dúbidas entre os tories que rexeitan atacar sen o visto e prace da ONU
Nin a insistencia de Cameron --que teimou nas súas intervencións en responsabilizar ao goberno de Al-Assad dos ataques químicos-- nin as constantes apelacións á "guerra humanitaria" serviron para convencer á Cámara británica que finalmente se opuxo.
Obama mantén os seus plans en aras dos "intereses estadounidenses"
Sen apoio internacional e sen lexitimidade xurídica a administración dos EUA avanza decidida e podería atacar Siria nos vindeiros días. Obama agardará, segundo recollen diversos medios de comunicación estadounidenses, a que a delegación enviada polas Nacións Unidas a Damasco abandone o país.
A Casa Branca continúa adiante coa súa folla de rota e asegura que EUA ten "intereses vitais" na Siria
Isto podería producirse o vindeiro sábado após remate a investigación iniciada pola ONU arredor do uso de armas químicas no ataque contra poboación civil decorrido o pasado 21 de agosto. Os EUA continúan atribuíndo ao goberno sirio a agresión --o que tildan de "moi probábel"-- e con estes argumentos solicitarán o apoio ao Congreso como último chanzo cara ao lanzamento dos primeiros misis.
"O presidente cre que hai intereses vitais para EUA en xogo", asegurou a Casa Branca nun comunicado de imprensa feito público após coñecerse a negativa da Cámara británica. "Os países que violan a lexislación internacional", continúa, "deben asumir toda a responsabilidade".