luns 29/11/21

O diñeiro ruso en Chipre será quen pague o resgate á banca internacional acordado por Bruxelas e Nicosia

Acordo de última hora e de madrugada en Bruxelas entre a UE e Chipre. Os depósitos de menos de 100.000 euros ficarán indemnes, grazas á presión popular e ao voto contrario do Parlamento de Nicosia ás condicións do resgate. O acordado onte supón que o resgate a Chipre  -10.000 millóns de euros- será financiado basicamente polos depósitos superiores aos 100 mil euros. Na práctica, o que se resgatan son os bancos chipriotas e quen asumirá a parte do león da factura será o capital ruso investido na illa mediterránea.

Laiki bank

A quinta parte dos depósitos bancarios en Chipre, arredor de 20.000 millóns de euros, son de orixe rusa. Boa parte deles proceden de redes mafiosas, tamén da oligarquía que se fixo multimillonaria coa privatización das empresas públicas da antiga URSS.

O acordo entre Bruxelas e Nicosia representa un duro golpe para os intereses rusos. En realidade, será o diñeiro da mafia e da oligarquía rusa o que pague a parte do león das débedas dos bancos chipriotas cos prestamistas internacionais, basicamente bancos alemás e franceses. Unha transferencia de renda de Rusia cara aos Estados centrais da UE.

Fontes próximas ao Goberno de Moscova mesmo anunciaron accións, que non concretizaron, de retaliación contra Bruxelas, ou sexa, de vinganza.

Moscova vai procurar formas de punir a Unión Europea

"Moscova vai procurar formas de punir a Unión Europea. Hai un grande número de empresas alemás a operar na Rusia. Pode acontecer que lles conxelen os bens, ou que estes sexan taxados”, afirmou nese sentido Alekxander Nekrassov, ex conselleiro do Goberno ruso en declaracións a The Guardian.

Ficarán isentos do pagamento dunha quita (da confiscación dos aforros) a inmensa maioría dos depositantes, aqueles que teñen menos de 100.000 euros nos bancos chipriotas. Isto é produto sen dúbida da intensa reacción popular contra o resgate. Tan intensa que levou mesmo ao Parlamento de Chipre a votar contra as condicións acordadas en primeira instancia polo Executivo da Illa mediterránea con Bruxelas. Votaron en contra até os deputados da maioría gobernamental.

De acordo coas condicións que trascenderon do convenio acadado onte entre Bruxelas e Nicosia, Chipre vese obrigado a liquidar o seu segundo maior banco, o Laiki, e a reestruturar o Banco de Chipre.

"O futuro será duro para a poboación chipriota", asegurou Oli Rehn. Pola contra o presidente de Chipre, Nicos Anastasiades, asegurou ao rematar as negociacións que con condicións tan duras chegou a pensar que o obxectivo era facelo dimitir.

O diñeiro ruso en Chipre será quen pague o resgate á banca internacional acordado por...
comentarios