A guerra en Ucraína, en directo, este 17 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto.

Edificios derruídos en Donetsk (Xinhua News); barricadas en Kíiv (Daniel Ceng Shou-Yi / ZUMA Press), e persoas refuxiándose nunha estación de metro da capital ucraína (Ukrinform).
photo_camera Edificios derruídos en Donetsk (Xinhua News); barricadas en Kíiv (Daniel Ceng Shou-Yi / ZUMA Press), e persoas refuxiándose nunha estación de metro da capital ucraína (Ukrinform).

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

20.01 | Os EUA acusan RUsia de non facer "esforzos significativos" para avanzar nas negociacións con Ucraína

O secretario de Estado dos Estados Unidos (EUA), Anthony Blinken, acusou o Goberno ruso e o presidente Vladimir Putin de non estar a facer "esforzos significativos" para avanzar nas negociacións con Ucraína. As declaracións de Blinken chegan un día despois de que Financial Times afirmase que ambos os países comezaron nesta cuarta feira a traballar nun acordo de 15 puntos que inclúe un cesamento do fogo e a retirada de das tropas rusas se o Goberno ucraíno declara a neutralidade e acepta límites nas súas forzas armadas.

17.57 | O primeiro ministro da República Checa di que o seu país non pode acoller máis refuxiados ucraínos

O primeiro ministro da República Checa, Petr Fiala, declarou nesta quinta feira que o seu país xa non pode acoller máis refuxiados ucraínos. Segundo recollen medios locais, Fiala afirmou que actualmente hai 270.000 persoas ucraínas na República Checa, e que o país está chegando ao punto de non poder acoller máis refuxiados "sen problemas maiores".

16.36 | Unha refuxiada de Mariupol afirma que os soldados ucraínos "ameazaban" a quen saía da cidade

Un medio de televisión grego entrevistou aunha rapaza refuxiada da cidade de Mariupol, pertencente a unha colonia grega que vive en Ucraína. No seu relato da saída de Mariupol, a moza explicou que os soldados ucraínos "paraban e ameazaban" a aqueles que marchaban da cidade, mentres que os soldados do exército ruso os que "os tranquilizaban".

14.50 | Rusia asegura ter novos detalles sobre os presuntos "biolaboratorios secretos da OTAN en Ucraína"

O xefe das Tropas de Defensa Radiolóxica, Química e Biolóxica das Forzas Armadas de Rusia, Ígor Kirílov, afirmou esta quinta feira, en declaracións recollidas por Sputnik, que os EUA e Ucraína "gardan deliberadamente silencio sobre as actividades biolóxicas". "No curso destes proxectos identificáronse seis familias de virus [incluídos os coronavirus] e tres tipos de bacterias patóxenas [peste, brucelose e leptospirose]. Isto débese ás principais características destes axentes patóxenos, que os fan atractivos para a infección: resistencia aos medicamentos, rapidez de propagación dos animais aos humanos, etc.", dixo.

13.20 | Ucraína reporta a morte de máis de 50 civís en Chernígov

As autoridades ucraínas, segundo recolle a axencia ucraína Unian, informaron esta quinta feira da morte de 53 civís polos ataques das tropas rusas nas últimas horas en Chernígov. O alcalde desta localidade, Vladislav Atroshenko, sinalou á canle RBC-Ucraína que esta ofensiva militar está a achegar a súa poboación a unha "catástrofe humanitaria". "O inimigo golpea desde todas partes e de forma aleatoria contra toda a cidade", dixo.

12.22 | O Kremlin ve "inadmisíbeis" as declaracións de Biden sobre Putin

O portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, cualificou esta quinta feira de "inadmisíbeis" as declaracións desta cuarta do presidente dos EUA, Joe Biden, a respecto de Vladimir Putin: "É un criminal de guerra", dixo. "Dificilmente ten dereito a facer esas declaracións o dirixente dun país que durante anos estivo bombardeando persoas ao longo do mundo", replicou Peskov, segundo recolle a axencia Sputnik.

11.43 | O Goberno estatal concede o status de "refuxiados" a 4.500 ucraínos

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, apuntou esta quinta feira que o Goberno estatal concedeu até o momento o status de "refuxiados" a 4.500 persoas procedentes de Ucraína, unha cifra que se incrementará nos próximos meses.

10.38 | Khersón, "ao bordo da catástrofe humanitaria"

A comisaria para Dereitos Humanos do Parlamento de Ucraína, Liudmila Denisova, apuntou esta quinta feira en declaracións recollidas por Europa Press que, "debido á ocupación temporal de asentamentos na rexión de Khersón, especialmente os cativos, a xente ten unha escaseza crítica de medicinas e ás veces de alimentos", alén de "problemas cos subministros de auga e gas". Cómpre lembrar que esta terza feira as autoridades rusas confirmaron a "toma de control" de toda esta rexión.

09.57 | "Xa non quedan lugares sen ameaza militar", di Ucraína

O ministro de Interior de Ucraína, Denis Monastyrsky, sinalou esta quinta feira que xa "non quedan lugares" sen "ameaza militar" no país, e subliñou que "xa non se poden nomear" zonas nas que nos se estean a producir bombardeos, nunhas declaracións recollidas pola axencia Europa Press.

09.28 | A poboación de Donetsk, sen auga

Segundo informa a axencia rusa Sputnik, a cidade de Donetsk ficou esta quinta feira sen subministro de auga debido a un apagón na estación de bombeo local "provocado polos ataques das tropas ucraínas", din desde o Goberno da República Popular de Donetsk, que tamén deu conta de dúas persoas mortas polos ataques.

08.38 | HRW apercibe Ucraína por difundir vídeos de soldados rusos "humillados e intimidados"

A ONG Human Rights Watch (HRW) instou as autoridades ucraínas esta quinta feira a cesar a publicación de vídeos en redes sociais de soldados rusos capturados que son "humillados e intimidados", algúns deles "con nomes e apelidos, algo que, lembra, "é unha violación da Convención de Xenebra".

08.00 | Novos bombardeos sobre Kíiv

Os servizos de emerxencia de Ucraína reportaron esta madrugada un novo bombardeo nunha zona residencial do distrito de Darnytskyi, en Kíiv: "Os rescatistas atoparon que, como resultado dos restos dun mísil, a estrutura quedou danada e rexistrouse un lume nun piso", apuntaron. Neste ataque, segundo Ucraína, faleceu unha persoa e outras tres resultaron feridas, mentres perto de 30 foron evacuadas.

07.45 | Zelenski: "As miñas prioridades son a fin da guerra e as garantías de seguridade"

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, apuntou a última hora desta cuarta feira, a través dun comunicado, que as negociacións con Rusia na procura da paz "están en curso". "Son negociacións polo ben de Ucraína. As miñas prioridades nas negociacións son absolutamente claras: a fin da guerra, as garantías de seguridade, a soberanía, a restauración da integridade territorial, as garantías reais para o noso país e a súa protección real", dixo.

07.30 | Rusia e Ucraína traballan nun documento de 15 puntos para pór fin á guerra

As negociacións entre Rusia e Ucraína parecen avanzar tras case tres semanas da ofensiva militar rusa sobre o país veciño. Ambos os países comezaron nesta cuarta feira a traballar nun acordo de 15 puntos que inclúe un cesamento do fogo e a retirada de das tropas rusas se o Goberno ucraíno declara a neutralidade e acepta límites nas súas forzas armadas, segundo adiantou o diario Financial Times.

Comentarios