Un gran ciclón deixa máis dunha decena de mortes e desaparicións no Rio Grande do Sul, no Brasil

O fenómeno meteorolóxico formouse no océano Atlántico durante esta semana e desde a noite da quinta feira foi o responsábel de fortes choivas ininterrompidas e ventos no litoral da rexión sur e sueste do país.
Imaxe posterior á chegada do ciclón ao Estado de Río Grande do Sul (FFoto: Governo do Rio Grande do Sul).
photo_camera Imaxe posterior á chegada do ciclón ao Estado de Río Grande do Sul (FFoto: Governo do Rio Grande do Sul).

Polo menos 11 mortos e 18 desaparecidos deixa até o momento un ciclón extratropical que afectou máis dunha trintena de municipios do estado de Rio Grande do Sul, no extremo meridional do Brasil, segundo recentes datos da Defensa Civil..

O fenómeno meteorolóxico formouse no océano Atlántico durante esta semana e desde a noite da quinta feira foi o responsábel de fortes choivas ininterrompidas e ventos no litoral da rexión sur e sueste do país, onde xa hai 2.330 persoas sen fogar e 602 desprazados polas inundacións e os danos materiais.

O municipio de Caraá é un dos máis afectados. De acordo co gobernador de Rio Grande do Sul, Eduardo Leite, "o escenario é de devastación".

"A nosa prioridade neste momento é atopar aos desaparecidos e rescatar as persoas que poidan seguir illadas polas inundacións", sinalou.

Leite, quen visitou algunhas das áreas máis afectadas nesta xornada, anunciou que se destinarán 1,1 millóns de reais (uns 208.000 euros) aos municipios máis afectados para minimizar os impactos do ciclón. "Avaliaremos os danos en pontes, estradas e casas para poder traballar na restauración", dixo.

Alertas

O Instituto Nacional de Meteoroloxía de Brasil advertira a cuarta feira de que os volumes de choiva podían superar os 100 milímetros en 24 horas, especialmente en localidades ao longo da costa da rexión, e causar "moitos impactos, como inundacións e esvaramentos de terra".

De acordo co diario Folha de São Paulo, nalgúns sectores a cantidade de choiva superou en case o dobre a previsión para este mes.

Tal foi o caso do municipio de Maquiné, na costa norte do Estado, onde as precipitacións alcanzaron os 290 milímetros. Mentres tanto, en Novo Hamburgo xa se considera "histórico" o volume de choivas.

Respecto diso, o goberno local asegurou que estaba totalmente mobilizado para facer fronte a calquera futura situación. Leite informou que viaxará a próxima semana a Brasília para "intensificar as articulacións de apoio aos municipios co Goberno federal".

Comentarios