O goberno turco detén unha ducia de docentes por asinar un manifesto

Acúsaos de “propaganda terrorista”. Pedían o cesamento da represión no Curdistán Norte.

Profesores pola Paz Turquía
photo_camera Imaxe do profesorado turco asinante

Até doce persoas foron prendidas en Turquía por orde do goberno que lidera Tayyip Erdogan após asinaren un manifesto no que reclamaban “o cesamento inmediato da violencia perpetrada” polo estado turco contra o pobo curdo no leste do país.

“Nós non imos facer parte desta masacre”, recolle o manifesto en relación aos asasinatos, execucións, detencións e rexistros que se están a practicar por parte das forzas especiais turcas en diversas cidades do Curdistán Norte e dos que responsabilizan directamente ao goberno de Erdogan.

Neste senso, o presidente turco acusa as persoas detidas de “propaganda terrorista” polo que pediu a actuación xudicial por “traición”.

Así o recolle o diario turco Hürriyet que sinala a aplicación do artigo 301 do Código Penal contra a ducia de docentes mediante o que se pune o insulto á nación turca, ao estado, ao Parlamento e ás institucións xudiciais.

Turquía acusa as persoas detidas de "traición"

O manifesto impulsado polo colectivo Profesores pola Paz --e cuxa páxina web foi censurada-- foi asinado por milleiros de persoas, unha parte delas turcas e outra internacionais como Noam Chomsky. O colectivo docente sumábase así ás accións impulsadas desde outros ámbitos como o das organizacións en defensa dos dereitos humanos que tamén denuncian a represión que está a vivir o pobo curdo na Turquía.

Desde o partido pro-curdo HDP instaron as institucións europeas a actuar de mediadoras e exixir ás autoridades turcas, a comezar polo goberno, que cesen na súa política. Actualmente a UE negocia co executivo de Erdogan a adhesión do país á comunidade europea a cambio de que este actúe como tapón para frear a entrada de persoas refuxiadas no territorio da Unión.

O acontecido volve pór riba da mesa a violación de dereitos fundamentais, entre eles a liberdade de expresión, na Turquía.

Comentarios