HDP: "Turquía está levando a cabo no leste do país verdadeiros crimes de guerra"

O partido pro-curdo reclama á UE que a crise de persoas refuxiadas non tape os asasinatos cometidos polo exército turco.

Urgent-Call-from-Turkey’s-Human-Rights-Organizations-to-the-International-Community-Artigo

"Están a matar crianzas, mulleres e persoas idosas", asegurou en comparecencia de imprensa desde o Parlamento europeo Osman Baydemir, dirixente do HDP e exalcalde da capital do Curdistán Norte para denunciar as negociacións que mantén Bruxelas co goberno de Tayypi Erdogan a respeito do proceso de adhesión de Turquía á UE no marco da crise de refuxiad@s. 

Ankara negocia coas institucións comunitarias acelerar a súa incorporación á organización internacional a cambio de que se torne nun tapón que free a entrada de persoas refuxiadas procedentes de Siria, Afganistán e Iraq. 

"Están a alentar unha guerra contra nós" atacando a poboación civil con canóns e artillería"

Para Osman Baydemir as persoas deslocadas forzosamente están a ser empregadas como "moeda de troco" e reclamou que este feito non oculte os "crimes" contra o pobo curdo. "O acordo sobre refuxiados non debe enmascarar esta masacre", denunciou. 

"Cada día hai novas vítimas", dixo o dirixente do HDP após dar conta de que "162 civís perderon a súa vida, incluído un bebé de tres meses e un ancián de 82 anos", para alén dunha muller grávida. Todos os asasinatos producíronse en territorio curdo e desde o HDP aseguran foron cometidos polas "forzas especiais" que "están a alentar unha guerra contra nós" atacando a poboación civil con canóns e artillería. "Isto é un crime contra a humanidade". 

"Isto é un crime contra a humanidade"

Osman Baydemir denunciou mesmo a existencia de "equipas de execución, escuadróns da morte, pódese dicir, que son moi activos", explicou. "Son xente con barba que parece da organización do Estado Islámico. Hai rumores de que esta xente foi adestrada deliberadamente", unha acusación que lanza contra o goberno de Tayyip Erdogan, xunto coas "detencións arbitrarias de 30 alcaldes do HDP". 

Ao executivo turco exixen que "deixe de atacar a súa propia xente con artillería e tanques" ao tempo que o instan a sentar "na mesa de negociación" á fin de re-iniciar os diálogos de paz co PKK. Así mesmo, instan a UE a actuar como "socio terceiro" ou "intermediario". 

Comentarios