Desde que racharon as negociacións entre o Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) e o goberno de Turquía, o executivo de Tayyip Erdogan iniciou unha "loita contra o terrorismo", en verbas do primeiro ministro, Ahmet Davutoglu, que asasinou nun mes 448 persoas, segundo as cifras fornecidas polo exército turco e recollidas polo diario The Guardian.
"Imos continuar a nosa loita contra o terrorismo con grande determinación até que as nosas montañas, chairas e cidades fiquen limpos destes asasinos", dixo Davutoglu nunha entrevista televisiva.
Unha guerra que no último mes se intensificou coa implementación dunha "política de seguridade" que "restrinxe ilegalmente os dereitos e liberdades fundamentais" da poboación que mora os territorios de Sirnak, Mardin, Diyarbakir, Hakkari e Mus, segundo denuncian as organizacións de dereitos humanos de Turquía, nun chamamento lanzado á comunidade internacional para que cese a represión contra o pobo curdo e se reinicien as conversas de paz.
Os toques de queda e a denominada política de seguridade turca "restrinxe ilegalmente os dereitos e liberdades fundamentais", denuncian
As organizacións aseguran que "a situación é grave" e instan as autoridades a identificar e sancionar as violacións de dereitos.
Execucións, rexistros e detencións
Desde o goberno de Ankara manteñen unha campaña de persecución coa que están a practicar rexistros e detencións mais tamén ataques contra a poboación civil que causaron a morte de centos de persoas en operacións armadas que foron rexistradas por organizacións internacionais como Human Watch Rights.
Entre as persoas asasinadas atópanse tres activistas e militantes do HDP, asasinadas o 4 de xaneiro na provincia de Sirnak. Seve Demir, integrante do Partido Democrático das Rexións; Fatma Uyar, integrante do Congreso de Mulleres Libres; e Pakize Nayir, co-presidenta da Asemblea do Pobo de Silopi foron vítimas dunha "execución deliberada", denunciou a deputada do HDP, Aycan Irmez.
Parlamentres pro-curd@s sitúanse tamén no punto de mira do goberno de Erdogan
Nas últimas semanas o presidente turco, Tayyip Erdogan, acusou @s parlamentares pro-curd@s de estaren a actuar como "integrantes dunha organización terrorista" e advertiulles de que os seus cargos "non lles protexerán da xustiza".
Poucos días despois a sede do HDP en Istambul foi obxecto dun rexistro policial no que 6 persoas resultaron detidas. A operación, defenden desde Ankara, persegue o movemento xuvenil do PKK que vinculan ao HDP.