O Goberno español demanda ao PP explicacións sobre as conversas con Junts

Feixoo admitiu que estudaron a amnistía e un indulto a Puigdemont.
Pilar Alegría, voceira do Executivo español, a pasada semana. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Pilar Alegría, voceira do Executivo español, a pasada semana. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Pilar Alegría, voceira do Goberno español e ministra de Educación, instou hoxe o Partido Popular (PP) a detallar “que pactou” con Junts durante as negociacións para o intento de investidura como presidente estatal do líder conservador, Alberto Núñez Feixoo, no Congreso, e que resultou un fracaso, abrindo a porta á reelección de Pedro Sánchez (PSOE).

Insistindo na necesidade de que ofreza “aclaracións e transparencia”, Alegría sostivo que o PP “fala agora posto que ten medo a que Junts conte a verdade”, unhas declaracións que se produciron após admitir Feixoo que analizaron durante menos dun día a exixencia de Junts dunha amnistía que beneficiase as persoas independentistas catalás represaliadas polo Estado español, así como que aceptaría un indulto ao ex presidente catalán Carles Puigdemont (Junts) no caso de que rexeitara proclamar a independencia de Catalunya de forma unilateral e fora xulgado.

Todo isto logo de que Puigdemont publicara unha misiva na que advertía que todo o falado acabaría por transcender.

Oposición "baseada na mentira"

A voceira do Executivo acusou Feixoo dunha oposición “baseada na mentira” polas convocatorias de mobilizacións contrarias á amnistía e os “meses sufrindo insultos e calumnias por parte do PP”.

A esta cuestión tamén aludiu a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda María Jesús Montero, que insistiu en que as “confesións de Feixoo” demostran que os conservadores están de acordo coa política do Goberno sobre Catalunya.

Ayuso reitera que manteñen a mesma posición

A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso (PP), unha das posíbeis sucesoras de Feixoo no caso dunha remuda na cúpula da formación, aseverou que a posición da forza conservadora non cambiou.

Comentarios