Miles de persoas protestan en Madrid contra a amnistía após a investidura de Sánchez

Alberto Núñez Feixoo e Santiago Abascal encabezaron unha concentración convocada por un cento de entidades españolistas.
Centos de persoas maniféstanse en Madrid contra a amnistía. (Foto: Diego Radamés / Europa Press).
photo_camera Miles de persoas maniféstanse en Madrid contra a amnistía. (Foto: Diego Radamés / Europa Press).

Dereita e a extrema dereita manifestáronse de novo este sábado en Madrid contra a amnistía e a autodeterminación dos pobos. Convocada por máis dun centenar de organizacións españolistas, a primeira mobilización masiva tras a investidura de Pedro Sánchez encheu a praza de Cibeles e algunhas rúas que a rodean.

A Delegación do Goberno en Madrid cifrou nunhas 170.000 persoas as asistentes á concentración contra a amnistía acordada entre o PSOE e o independentismo, mentres que os organizadores afirman que congregaron case un millón de cidadáns.

A mobilización, convocada baixo o lema 'Non no meu nome: nin amnistía, nin autodeterminación, pola liberdade, a unidade e a igualdade!', arrincou oficialmente ao mediodía, aínda que até o lugar da cita comezaron a chegar, unha hora antes, persoas que portaban bandeiras de España e de Europa e que coreaban consignas contra o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Apoio de PP e Vox

Na protesta participaron o presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo; a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e o alcalde da capital, José Luis Rodríguez Almeida, entre outros dirixentes do PP. Tamén participou o líder de Vox, Santiago Abascal.

'Sánchez a prisión', 'Sánchez vendepatria traidor' e 'Pedro Sánchez é o xudas do século XXI' foron algunhas das pancartas que portaban os manifestantes, que corearon ademais "Puigdemont a prisión", "Sánchez, dimisión" ou "Me gusta la fruta".

Proceso deconstituínte

O groso da concentración disolveuse tras a lectura dun manifesto no que se alertou dun proceso "deconstituínte" baseado nunha investidura "corrupta" de Pedro Sánchez e que, ademais da amnistía, contempla un referendo. Entre outros interveu o filósofo Fernando Savater, que foi o encargado de fechar o acto.

Entre os convocantes da protesta figuran Foro Liberdade e Alternativa, Unión 78, Foro España Cívica, Cataluña Suma, Pé en Parede, S'ha Acabat!, NEOS, Asociación pola Tolerancia, Convivencia Cívica Catalá, De Español a Español pola Constitución, OLE (Outra Lei Electoral), Resiste España, Novo Espírito de Ermua e un centenar de organizacións cívicas que xa promoveron outra concentración en Cibeles o pasado 21 de xaneiro baixo o lema 'Por España, a Democracia e a Constitución'.

Da Cibeles á Moncloa

Uns centos de manifestantes contra a amnistía bloquearon o primeiro tramo da autovía A-6 tras abandonar Cibeles coa intención de dirixirse ao Palacio da Moncloa.

Os manifestantes percorreron a pé a estrada ata atoparse cunha barreira de policías españois, que lles bloquearon o paso. Ao mesmo tempo, un segundo grupo tentou chegar á Moncloa pola rúa Princesa, pero outra patrulla de axentes impediulles o paso.

Comentarios