Unha parte do PP comeza a preparar o relevo de Feixoo

As críticas a Alberto Núñez Feixoo chegan desde diversos sectores e territorios. A antiga presidenta madrileña, Esperanza Aguirre, afirma que o futuro da organización pasa por Isabel Díaz Ayuso, mentres que na Galiza, o presidente, Alfonso Rueda, apelou esta cuarta feira a un "apoio sen fisuras" para Feixoo.

Isabel Ayuso, presidenta da rexión de Madrid, onte, en rolda de prensa. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)
photo_camera Isabel Ayuso, presidenta da rexión de Madrid, onte, en rolda de prensa. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)

Esperanza Aguirre puxo voz ao malestar dunha parte dos populares con Alberto Núñez Feixoo. A antiga mandataria madrileña fixo pública na terza feira a súa aposta por Isabel Díaz Ayuso para substituír á fronte do partido o ex presidente da Xunta da Galiza. Neste contexto, criticou a orientación da campaña do PP, asegurando que o seu candidato cometeu “erros de libro”, ao deslizar críticas contra Vox durante o proceso electoral. Aguirre explicou que Feixoo cometera un erro ao afirmar que "prefería ao PSOE que a Vox" e cualificou de “incongruencia” dicir que se vai “derrogar o sanchismo” ao tempo que se lles pide o voto aos “sanchistas”. Neste sentido, indicou que sería máis útil apuntar que Vox “é un partido perfectamente constitucional” e “dixemos o contrario, que nos gusta máis Page que Abascal”.

A veterana dirixente dos populares madrileños non é un verso libre no partido. A súa opinión atópase na liña doutros cadros de relevo da formación que ven rematado o ciclo político de Feixoo tras os resultados das eleccións estatais. Nesta dirección manifestouse a propia noite electoral unha parte dos militantes presentes na sede do PP en Xénova, que interromperon o discurso de Feixoo ao berro de “Ayuso, Ayuso”.

A continuidade de Feixoo na primeira liña política depende dunha repetición electoral. Nesta altura do proceso, ninguén dentro do propio PP ve posíbel que o candidato dos populares sexa quen de sumar os votos necesarios para ser investido, fiando as posibilidades dunha nova oportunidade para Feixoo a uns novos comicios, diante dunha situación de bloqueo político no Estado.

A gran maioría dos dirixentes do PP dan por feito un Executivo encabezado por Pedro Sánchez. Así, o presidente andaluz e un dos máis poderosos baróns do partido, Juan Manuel Moreno, sinalaba esta cuarta feira que “desgraciadamente Sánchez ten na man ser presidente”. Na mesma liña, manifestouse Isabel Díaz Ayuso, quen defendeu a continuidade de Feixoo e quen se desmarcou, polo momento, da carreira no relevo á fronte do PP.

As críticas á campaña de Feixoo teñen nomes e apelidos: a persoa máis cuestionada por baróns do partido é Mar Sánchez Sierra, ex secretaria xeral de Medios da Xunta da Galiza, a quen culpan dos erros da política comunicativa e cuxo labor tamén critican grupos de comunicación de orientación dereitista. A este respecto, diversos baróns estanlle pedindo a Feixoo  que se desprenda dela e, que, en ningún caso, faga parte do equipo de campaña en caso de repetición electoral.

Rueda pide apoio para Feixoo

Nun escenario no que empezaron a transcender publicamente as voces críticas cara ao liderado de Feixoo, o actual presidente da Xunta da Galiza quixo esta cuarta feira pronunciarse en defensa do seu xefe de filas. Así, Rueda, ante a plana maior do PP galego, que se reuniu na xunta directiva do partido, apelou á "serenidade" e ao "apoio sen fisuras" para Feixoo.

Comentarios