Gaza: seis meses de bombardeos e asedio israelí

O Exército de Israel retira á súa forza ofensiva terrestre do sur de Gaza
EuropaPress_5865988_beijing_april_2024____boy_stands_in_front_of_the_rubble_after_an_israeli
photo_camera Un neno entre cascallos despois dun ataque aéreo israelí no campo de refuxiados de Maghazi, no centro da Faixa de Gaza. (Foto: Dawood / Xinhua News / ContactoPhoto).

Desde o 7 de outubro non cesaron os bombardeos do exército israelí sobre a Faixa de Gaza. Van seis meses desde que o ataque das milicias de Hamás contra Israel derivou no xenocidio indiscriminado da poboación palestina dos territorios ocupados.

A guerra continúa e sobre o terreo aséntase a destrución e unha devastadora crise humanitaria sen que as negociacións de paz avancen nin tampouco a implicación definitiva da denominada comunidade internacional.

Mentres Israel segue a lembrar os seus 1.200 mortos polo ataque miliciano e un cento de persoas secuestradas que a cidadanía exixe rescatar con vida, en Gaza morreron xa máis de 33.100 persoas mortas polos ataques israelís e 78.500 resultaron feridas, segundo as autoridades do enclave, baixo control de Hamás, un balance empregado como referencia polos principais organismos e institucións internacionais. Unicef estima en máis de 13.000 as crianzas mortas.

Cisxordania

Porén, máis de 400 palestinos morreron en operacións paralelas de Israel en Cisxordania desde o inicio do conflito. Más dun millón de palestinos foron vítimas dun desprazamento forzado por Israel desde o norte do enclave e sobreviven amoreados no sur da Faixa. A axuda humanitaria entra a contagotas e máis dunha trintena de palestinos morreu directamente a consecuencia da fame. O custo estimado da reconstrución da Franxa, segundo o Banco Mundial, pasará os 16.000 millóns de euros, 97% do Produto Interior Bruto combinado de Gaza e Cisxordania en 2022.

"O respecto ao dereito humanitario internacional quedou polos chans", lamentou a pasada sexta feira o secretario xeral de Nacións Unidas, Antonio Guterres, tras lembrar os 196 cooperantes humanitarios mortos até o de agora durante a campaña israelí. "Estamos ao bordo", avisou o secretario xeral, "ao bordo da fame negra en masa, dun conflito rexional, dunha perda absoluta da fe nas normas e os estándares globais". Ademais, Guterrres tamén denunciou constantes campañas de desinformación que enturban o conflito.

O Comité para a Protección dos Xornalistas cifra en polo menos 95 os reporteiros mortos durante a guerra.

Negociacións

Este domingo terá lugar no Cairo (Exipto) unha nova negociación baixo a mediación exipcia e catarí, con presenza de Hamás e probablemente dos Estados Unidos para tentar alcanzar algún tipo de acordo. O movemento palestino avanzou onte a través dun portavoz que non pensa ceder nas súas pretensións e só aceptará un troco de reféns por prisioneiros palestinos cando os militares israelís se retiren de territorio gazatí. Estados Unidos e Israel seguen vinculando todo cesamento de hostilidades á liberación dos secuestrados.

Mentres tanto, a sexta feira a ONG World Vision avisaba de que toda a poboación da Faixa de Gaza (2,23 millóns de persoas) enfróntase a altos niveis de inseguridade alimentaria aguda e a metade da poboación (1,11 millóns de persoas) enfrontarase a condicións catastróficas no próximos tres meses.

Máis de medio millón de nenos e nenas palestinos corren o risco de sufrir problemas de saúde mental debido á extrema exposición ao conflito e á violencia que presenciaron e experimentaron, e 1,3 millóns de nenos e nenas que viven en Cisxordania corren o risco de quedar atrasados nos seus estudos, xa que unha de cada cinco escolas (18%) informou de polo menos un incidente violento –mesmo durante as horas de aprendizaxe nas que os estudantes estaban presentes– na semana anterior á avaliación.

Dada a situación, os cooperantes humanitarios son incapaces de trazar unha estratexia a medio prazo e a súa mirada non chega máis aló das próximas semanas, insistindo no deber israelí de permitir a subministración suficiente de axuda humanitaria aos palestinos de Gaza; unha esixencia, lembra Amnistía Internacional "xuridicamente vinculante da Corte Internacional de Xustiza, que ordenou a Israel a adopción de medidas para evitar un xenocidio.

Retirada de Israel

Por outra parte, coincidindo esta data de aniversario, o Exército de Israel anunciou a retirada da súa 98ª División do sur de Gaza, a encargada do avance terrestre pola fronte meridional do enclave, despois de catro meses de combates contra as milicias palestinas concentradas na localidade de Jan Yunis.
A retirada produciuse ao longo desta madrugada, segundo fixo saber o Exército israelí, mais sen dar detalles desta decisión.

Agora mesmo só permanece operativa a brigada Nahal, coa misión de asegurar o chamado corredor de Netzarim, que cruza Gaza desde o kibutz de Beri, no sur de Israel e fronteira co enclave, até a costa gazatí, e que Israel emprega para as súas operacións no norte e no centro da Franxa. A brigada tamén exercerá de tapón para impedir que os gazatís desprazados pola forza acaben regresando ao norte de Gaza.

Comentarios