Israel mata en Gaza sete traballadores da ONG do cociñeiro español José Andrés, varios deles estranxeiros

O vehículo no que viaxaban foi bombardeado mentres circulaban pola costa gazatí.Desde o inicio da actual ofensiva en Gaza, o Exército de Israel asasinou ao redor de 200 traballadores e traballadoras de organizacións humanitarias.

EuropaPress_5860458_ejercito_israel_bombardea_vehiculo_franja_gaza_varios_miembros_ong_world Europa Press Contacto  Omar Ashtawy
photo_camera Pasaportes e corpos dalgúns dos voluntarios mortos no ataque israelí (Foto: Europa Press / Contacto / Omar Ashtawy)

Sete traballadores humanitarios da organización World Central Kitchen (WCK), no mínimo catro deles estranxeiros, morreron na madrugada desta terza feira nun ataque aéreo israelí no centro de Gaza, segundo medios palestinos e un traballador da organización na Faixa.

“A ocupación asasinou un equipo de axuda (humanitaria) formado por un británico, un polaco, un australiano e un cuarto estranxeiro de nacionalidade non coñecida, así como un palestino en Deir al Balah", informou inicialmente a Oficina de Medios do Goberno de Gaza.

Segundo detallan medios locais, o cuarto falecido é de nacionalidade irlandesa, mentres que un dos gazatíes mortos no ataque traballaba como condutor do vehículo, que foi bombardeado mentres circulaban pola costa gazatí. A ONG sinala que o convoi coordinara a súa viaxe co Exército israelí

Os seus corpos, cubertos por chalecos antibalas negros co logo de WCK e casco de protección, segundo mostran fotografías difundidas en redes sociais, foron trasladados ao Hospital Al  Aqsa na mesma cidade de Deir al Balah, de acordo con fontes médicas.

O exército israelí informou nun comunicado "estar a realizar unha revisión exhaustiva ao máis alto nivel para comprender as circunstancias deste tráxico incidente", e reiterou que traballaron "estreitamente" con WCK -fundada polo chef español afincado en Estados Unidos José Andrés- para repartir alimentos e axuda humanitaria en Gaza.

José Andrés, fundador da organización, describiu os traballadores como "anxos" con quen colaborou en varios países, incluídos Turquía e Ucraína. "Non son anónimos", escribiu na súa conta de X, onde tamén dixo que sentía "desconsolado e aflixido" polas mortes.

“O Goberno israelí debe deter esta matanza indiscriminada”, afirmou. “Ten que deixar de restrinxir a axuda humanitaria, deixar de matar a civís e traballadores humanitarios e deixar de utilizar a comida como arma. Non se perderán máis vidas inocentes”. O cociñeiro defendera o 7 de outubro, após o ataque de Hamás, o dereito de Israel a se defender.

Comentarios