venres 05/03/21

As forzas nacionalistas exixen coñecer a verdade sobre o golpe de Estado do 23-F

Felipe VI reivindica o papel do rei Juan Carlos en defensa da democracia
Genis Boadella (PDeCAT); Jaume Alonso Cuevillas (ERC); Néstor Rego (BNG) e Mireia Behí (CUP), en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
Genis Boadella (PDeCAT); Jaume Alonso Cuevillas (ERC); Néstor Rego (BNG) e Mireia Behí (CUP), en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O 40 aniversario do golpe do 23 de febreiro de 1981 marcou esta terza feira a actualidade política do Estado español. O acto central da xornada desenvolveuse no Congreso dos Deputados, nun acto presidido polo rei, Felipe VI, e onde participaron as formacións que conforman o Executivo de coalición, así como as principais organizacións políticas do ámbito estatal, como o Partido Popular, Ciudadanos e Vox. No marco do mesmo, Felipe VI reivindicou o papel do rei Juan Carlos I en defensa da democracia e destacou o seu rol para parar o golpe de Estado.

“Ante aquela inaceptábel fractura da lexítima e legal orde democrática, o rei Juan Carlos I asumiu como xefe do Estado a súa responsabilidade e o seu compromiso para que se tomaran ‘todas as medidas necesarias para manter a orde constitucional dentro da legalidade vixente”, destacou o monarca, quen fixo unha defensa fechada do texto da Constitución española de 1978. Así, afirmou o seu compromiso “máis firme e forte que nunca” coa norma e aproveitou a ocasión para expresar a “inequívoca vontade da Coroa de ser unha institución que inclúa, integre e una todos os españois”. 

A ‘ruptura democrática co réxime do 78’

As forzas nacionalistas asinantes da Declaración de Llotja de Mar desmarcáronse do acto e aproveitaron a data para facer público un manifesto onde apostaron “pola ruptura democrática”. Así, un texto asinado polo BNG, CUP, EH Bildu, ERC, Junts per Catalunya e PDeCAT, reclama a “ruptura democrática co réxime do 78, o cal supón a negación nacional e social dos dereitos e liberdades das nosas sociedades e os nosos pobos. O réxime do 78 e os piares que o sosteñen son o cadeado que impide que a cidadanía catalá, vasca, galega, así como as clases populares deste Estado, avancemos cara a un escenario democrático baseado na liberdade nacional e a xustiza social”.

“Hai hoxe 40 anos, tras os acontecementos do 23-F, unha operación de Estado reforzou e blindou os piares e valores do réxime estabelecido na mal chamada transición democrática española, coa figura do Rei e o Exército como os seus maiores garantes. Piares e valores antidemocráticos de onde nacen a represión, a desigualdade, a inxustiza, a corrupción, a conculcación de dereitos e o recorte de liberdades que se manteñen até o día de hoxe”, sinalan as formacións asinantes do manifesto, quen cuestionan o relato oficial sobre o golpe e discrepan sobre o papel xogado no mesmo polos aparatos do Estado.

“Máis aló da versión oficial, existen fundados indicios de que o golpe de 23 de febreiro foi algo planificado e orquestrado non por catro militares descontentos, senón por toda unha operación de Estado que permitese salvar o réxime do 78 até os nosos días. É hora de coñecer todo o ocorrido en nome da verdade e a memoria democrática”, afirman no seu chamado as organización nacionalistas, quen deron conta da presentación “dunha iniciativa conxunta para esixir que, 40 anos despois do 23-F, se coñeza con exactitude cada documento, cada gravación, cada información significativa que obre en poder do Estado español e que achegue “luz e taquígrafos” aos verdadeiros acontecementos que alumaron o golpe”.

Rego critica a tentativa de "branqueamento" da monarquía

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, foi un dos parlamentarios que non participou dos actos oficiais en lembranza do 40 aniversario do golpe de Estado. En declaracións a Nós Diario, afirma que “as forzas soberanistas e republicanas que estivemos aquí non queríamos participar de ningunha maneira nun acto que ten como obxectivo fundamental o branqueamento desta monarquía anacrónica e corrupta”.

“Porque non é que haxa dúbidas sobre o papel do Borbón naquela altura”, continúa Rego, “o que hai son evidencias da súa participación nun golpe de Estado do que se apeou cando viu que fracasaba e, en todo caso, é cuestionábel que fracasase totalmente porque serviu para aprobar a Lei orgánica para a harmonización do proceso autonómico e marcar os límites da democracia”.
 

comentarios