23-F: o soberanismo defende no Congreso a “ruptura” coa “herdanza, privilexios e bases do Réxime do 78”

Formacións vascas, catalás e galegas exixen “luz e taquígrafos” sobre o ocorrido no Golpe de estado do 23 F.

As forzas soberanistas nunha comparecencia no Congreso. (Foto: Europa Press)
photo_camera As forzas soberanistas nunha comparecencia no Congreso. (Foto: Europa Press)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou nun acto conxunto na Cámara española coa portavoz do Grupo Parlamentar EH Bildu, Mertxe Aizpurua, o portavoz do Grupo Republicano, Gabriel Rufián, a portavoz da CUP, Mireia Vehí, o deputado de JuntsxCat, Jaume Alonso-Cuevillas e o deputado de PdeCat, Genís Boadella este 23-F . Neste acto, as formacións políticas anunciaron que levarán a debate unha iniciativa para desclasificar e dar a coñecer todos os arquivos para saber, con exactitude, os feitos vinculados ao Golpe de estado de hai hoxe 40 anos.

Na lectura do manifesto conxunto “Pola república democrática. Liberdade. Dereitos. Repúblicas”, as forzas soberanistas trasladaron a súa oposición ao Réxime do 78 construído e apoiado nuns piares “que impiden que a sociedade galega, catalá e vasca, así como as clases populares deste Estado, avancemos cara a un escenario democrático baseado na liberdade nacional e a xustiza social”.

Neste 40 aniversario do Golpe de estado “vemos nas rúas o descontento social, a protesta fronte a estas taras democráticas que o Estado español leva décadas arrastrando”. As forzas soberanistas reafírmanse na idea de que unha “democratización real só será posible desde a ruptura coa herdanza, os privilexios, bases e valores que representa o Réxime do 78”.

“Hoxe rexistramos unha iniciativa conxunta para esixir que, 40 anos despois do 23 F, se coñezan con exactitude cada documento, cada gravación, cada información significativa que obre en poder do Estado español e que achegue luz e taquígrafos ao que de verdade ocorreu no Golpe do 23 F” sinalou Néstor Rego.

Neste sentido, as organizacións asinantes instarán o Goberno do Estado para realizar os cambios lexislativos necesarios para desclasificar e dar a coñecer todos os “documentos escritos sonoros ou de vídeo” que permitan coñecer os feitos vinculados ao Golpe de estado do 23 F.

“É hora de coñecer todo o ocorrido en nome da verdade e da memoria democrática” salientou Rego. Así mesmo, os grupos independentistas e soberanistas reivindicaron os valores republicanos de “liberdade, igualdade e democracia” como vía para a democratización real.

O deputado do BNG criticou o que o acto que se levará a cabo “ten como obxectivo principal o branqueamento da monarquía. Desta monarquía anacrónica e corrupta”. “Desde as forzas soberanistas e republicanas estamos convencidos de que a mudanza real do Estado español vai vir precisamente dos procesos soberanistas en cada unha das nosas nacións porque iso é a garantía de defensa, de democracia e de xustiza social” concluíu o deputado galego.

Comentarios