O 23-F en primeira persoa: Corenta anos dun golpe de Estado aínda por aclarar

Van aló catro décadas do golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 e fica aínda moito por aclarar. Mentres que o Congreso dos Deputados se prepara para lembrar na terza feira, nun acto coa presenza de Felipe VI, o 40 aniversario da tentativa, continúan as dúbidas a respecto da versión oficial daquel operativo.
Gardas civís no Congreso dos Deputados durante o 23 de febreiro de 1981. (Foto: RTVE)
photo_camera Gardas civís no Congreso dos Deputados durante o 23 de febreiro de 1981. (Foto: RTVE)

Os sucesivos actos de lembranza do golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981, como o previsto no Congreso dos Deputados, non foron acompañados de decisións gobernativas que puxeran a dispor da sociedade a documentación que custodian os arquivos estatais sobre o acontecido nesa data. As fendas e contradicións na versión oficial e a decisión dos diversos Executivos de manter clasificados nestes 40 anos informacións clave para aclarar o acontecido non fan máis que aumentar as dúbidas a respecto dun relato cuestionado por historiadores e parte da cidadanía.

Carlos Dafonte é un dos que viviron en primeira persoa aquela data que cuestiona aspectos do relato oficial. Militante do Partido Comunista desde o franquismo e concelleiro do PCG en Lugo, lembra a Nós Diario que soubo do golpe de Estado “na antesala do despacho da Alcaldía, cando o rexedor Novo Freire, militante da Unión de Centro Democrático (UCD), saíu fóra para comunicarnos que o chamaran de Madrid para dicirlle que saíran os militares á rúa. Despois trasladámonos á sede da UCD, onde acudiron representantes tamén do PSOE como Varela Flores e alí propuxen sacar un panfleto chamando a paralizar a cidade ao día seguinte. Naquel momento Antonio Rosón, que estaba no local, reuniuse con nós para dicirnos que falara co seu irmán Luís, xeneral do exército, e que lle dixera que todo se ía arranxar”.

“Aquela noite quedei coa desconfianza por saber de que lado estaba o monarca pola súa tardanza en saír a condenar o golpe e desde ese momento fiquei coa dúbida sobre a súa implicación”, sinala Dafonte, quen non durmiu na súa casa por prevención “pois un grupo de militantes da extrema dereita comezaron a moverse nas proximidades da miña casa desde que souberon da acción de Tejero”. Na mesma liña, este veterano comunista amósase convencido de que “o golpe de Estado do 23-F deunos razóns a aqueles que advertíamos que os aparatos de Estado estaban cheos de franquistas e serviu para amedrentar a poboación e preparar o camiño para o triunfo do PSOE en 1982”.

"O golpe non nos colleu por sorpresa"

O escritor Lois Diéguez exercía de portavoz da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) desde 1978. Militante nacionalista desde os anos 60 e unhas das referencias públicas do Bloque, recoñece a Nós Diario que o golpe de Estado “realmente non nos colleu por sorpresa tendo en conta a persecución que xa viñamos sufrindo, se ben si que me sorprendeu a forma de entrada dos gardas civís no Congreso. Eu estaba convencido de que a situación estaba controlada e esa mesma tarde mantivemos unha reunión en Lugo e tamén contactamos coa filiación. Naquel momento acordámonos moito da caída de 1975 cando asasinaron a Reboiras e tamén nos valeu a experiencia que tiñamos da clandestinidade”.

"O período da Transición estivo marcado por tres poderes fácticos, a banca, o Exército e a Igrexa", sinala Vázquez Fouz

“O 23-F serviu para consolidar o réxime, meter medo, dar armas para combater o nacionalismo e iso aproveitárono para debilitarnos”, sinala Dieguez, quen observa coincidencias entre aquela conxuntura e “o que pasa neste momento, onde a dereita, que neste país é extrema nas súas tres formas, semella ter medo a que se lle vaia das mans a situación após 40 anos no que os problemas de fondo se foron agravando. Estamos nun contexto onde non hai sitio para a ambigüidade e por iso tamén tentan meter medo para impedir calquera alternativa de cambio”. Malia isto, Diéguez considera que “a alternativa de ruptura é hoxe máis masiva que daquela”.

María do Carme García Negro tivo coñecemento da entrada dos militares no Congreso dos Deputados mentres se recuperaba dunha gripe. “Estaba escoitado a radio e sinto os disparos no Congreso e inmediatamente me poño en contacto cun responsábel do partido, quen me indica que marche do meu piso e vaia durmir na casa dun familiar. Alí estiven ouvindo a radio até que o rei saíu dicir que o golpe estaba resolto. Nese momento sentín alivio pensando que desta libraba”, lembra a naquela altura profesora da Facultade de Económicas da USC, responsábel da AN-PG en Compostela e membro da dirección nacional desa organización.

"Parte dos obxectivos dos golpistas conseguíronse"

“Independentemente do que se puido sentir naquel momento, parte dos obxectivos que perseguían os golpistas conseguíronse. O golpe de Estado abriu a porta á integración na OTAN, impulsou as modificacións das estruturas estatais para facelas homologábeis ás necesidades do Mercado Común Europeo, até o punto de dotar ao Estado español da lexislación mais permisiva da contorna para entrada do capital estranxeiro, modulou as posibilidades de avances nunha dirección progresista e consolidou as posicións de privilexios para o estamento militar, o capital financeiro e a Igrexa católica”, asevera García Negro

José Vázquez Fouz estaba no Congreso cando foi asaltado por Antonio Tejero e un grupo de gardas civís. Funcionario do Ministerio de Agricultura, afiliado socialista desde 1975 e deputado pola circunscrición de Pontevedra tras encabezar a lista do PSOE, recorda a Nós Diario aquela xornada “pola desagradábel impresión do propio golpe e a alegría de poder contalo. Non pasei medo persoal pero o seu triunfo significaba unha volta atrás porque pretendía unha ditadura, presidida por militares. Non só estaban marcando a túa vida senón o porvir do teu país após tantos esforzos para devolver a democracia”.

"O golpe de Estado serviu para consolidar o réxime, meter medo e dar armas para combater o nacionalismo", destaca Lois Diéguez 

“A Transición estivo marcado por tres poderes fácticos, a banca, o Exército e a Igrexa e fronte a esta análise moi poucos podían secuestrar o Goberno senón fora cunha estrutura detrás civil”, sinala Vázquez Fouz, quen critica que “a existencia dunha trama civil nunca foi xulgada e saíu indemne do golpe”. “Quedou a parte civil libre, aí quedou un xerme de xente facendo política que agora non fala de golpe de Estado porque non lles fai falla, mais están presentes no Congreso e desde alí loitan polas mesmas ideas e proxectos que defendían os promotores da tentativa do 23 de febreiro”.

Un punto de inflexión na historia do Estado

Son moitas as incógnitas que fican por despexar arredor do golpe de Estado de 23 de febreiro de 1981. Unha das máis recorrentes refírese ao papel desenvolto naquel proceso polo monarca Juan Carlos de Borbón, cuxa figura vai saír claramente reforzada, conseguindo unha lexitimade democrática que até o momento non se lle recoñecía pola súa vinculación coa ditadura. Neste sentido, hai historiadores que inciden en que o golpe de Estado se fixo no seu nome e algúns dos principais promotores, como Alfonso Armada ou Milans del Bosch, significáronse pola súa proximidade á Casa Real, estando por aclarar se contaban ou non coa autorización do monarca. 

Unha parte importante dos investigadores consideran o golpe de 1981 como un punto de inflexión na historia contemporánea do Estado. Así, estes autores signifícano como o remate do tempo histórico aberto após a morte de Franco, o triunfo da operación de reforma e a consolidación dunha democracia de baixa intensidade, en coherencia coa tradición política española e as necesidades do bloque atlantista. Nesta lóxica explícano como o punto remate do proceso de Transición e a apertura dun novo ciclo político que se alonga até a perda da maioría absoluta de Felipe González en 1993.

Sexa como for, o impacto do golpe de Estado deixouse notar no plano das liberdades. A este respecto, Lois Diéguez estabelece ligazóns entre este feito e “a expulsión dos deputados da coalición BNPG-PSG do Parlamento da Galiza”, acontecida uns meses despois e coa que en opinión de María do Carme García Negro “abriuse a época máis dura para o nacionalismo, con todo o españolismo enfronte e con certo desánimo entre sectores da militancia para seguir adiante”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios