martes 18/01/22

Os golpistas en Myanmar condenan a Aung San Suu Kyi a catro anos de prisión

Declarado culpábel o ex presidente de Myanmar e o ex alcalde da capital no xuízo que condenou a Aung San Suu Kyi a catro anos de prisións. Porén, é a primeira dunha serie de sentenzas que poderían implicar na práctica unha cadea perpetua.
Protesta contra o golpe en Yangon, a cidade máis poboada do país. (Foto:  Santosh Krl SOPA Images via ZUMA / dpa)
Protesta contra o golpe en Yangon, a cidade máis poboada do país. (Foto: Santosh Krl SOPA Images via ZUMA / dpa)

Aung San Suu Kyi, líder de facto de Myanmar até o golpe de Estado efectuado o 1 de febreiro deste ano polo Tatmadaw, o Exército birmano, foi condenada esta segunda feira a catro anos de prisión por incitar á disidencia e rachar as normas para previr a Covid-19, na primeira dunha serie de sentenzas que poderían implicar na práctica unha cadea perpetua, advirten entidades en defensa dos dereitos humanos.

Ademais, o tribunal de Nay Pyi Taw, capital do país, fallou en contra do ex presidente, Win Myint, que recibiu a mesma condena. O ex alcalde da capital, Myo Aung, foi sentenciado a dous anos de prisión.

A expensas do que aconteza cos outros 11 cargos que se lle imputan, a xunta militar que goberna o territorio desde o golpe anunciou poucas horas despois de facerse público o veredicto que reducía a dous anos a pena de prisión de Suu, premio Nobel da Paz, así como que a cumprirá baixo arresto domiciliario.

A oposición de Myanmar cualificou de “ilegal” a condena, que describe como unha “parodia da xustiza”. No entanto, a alta comisionada da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, sinalou que o fallo do tribunal está “motivado politicamente”, após “un xuízo falso con procedementos secretos perante un tribunal controlado por militares”.

Este intento de acabar coa oposición política do Tatmadaw “non pode dar un verniz legal á ilexitimidade do golpe e do Goberno militar”, asegurou Bachelet.

Golpe após as eleccións

A ruptura da orde constitucional chegou pouco despois dunhas eleccións nas que a formación de Suu -Liga Nacional para a Democracia- superou amplamente o Partido da Unión, a Solidariedade e o Desenvolvemento, afín ao Exército.

Desde esa data, 1.303 civís foron asasinados polos militares no medio de protestas contra o golpe, informa a Asociación para a asistencia a presos políticos, que recolle a detención de arredor de 11.000 persoas, máis dun cento menores de idade.

A concesión do Nobel da Paz a Suu foi moi cuestionada nos últimos anos, despois do xenocidio contra a etnia rohingya durante o seu mandato. En agosto de 2018, un informe da ONU aseverou que Suu fixo o mínimo posíbel por evitar as agresións.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Os golpistas en Myanmar condenan a Aung San Suu Kyi a catro anos de prisión
comentarios