A guerra civil instálase en Myanmar dous anos despois do golpe de Estado

A resistencia armada ao Exército birmano despois do golpe de Estado impediu aos militares consolidar o novo réxime e acabou nunha guerra civil cos narcotraficantes como principais beneficiados.
Protesta en Bangkok, Tailandia, diante da embaixada de Myanmar para protestar en contra da ditadura militar no país a finais de 2022. (Foto: Peerapon Boonyakiat / SOPA Images)
photo_camera Protesta en Bangkok, Tailandia, diante da embaixada de Myanmar para protestar en contra da ditadura militar no país a finais de 2022. (Foto: Peerapon Boonyakiat / SOPA Images)

Hai esta cuarta feira dous anos o Tatmadaw, as Forzas Armadas birmanas, detiveron os membros civís do Executivo e a cúpula da Liga Nacional para a Democracia (LND), encabezada pola líder do país, Aung San Suu Kyi, e anunciaron que o comandante en xefe do Exército, Min Aung Hlaing, rexería o país durante 365 días.

Nese intre desataron unha forte represión contra as múltiples protestas que desencadeou o golpe de Estado, matando até o de agora arredor de 2.750 persoas e detendo máis de 17.000, cifra a Asociación de asistencia para presos políticos do país.

A situación acabou derivando nunha guerra civil entre a Forza de Defensa do Pobo, o brazo armado do Goberno no exilio formado após a sublevación militar, e os movementos de liberación nacional rohingya, karen ou chin contra o Tatmadaw.

Os militares toman o poder

A data do golpe de Estado non foi casual, pois un día despois estaba previsto que xurasen o cargo os parlamentarios e cargos electos nas eleccións xerais de novembro de 2020, que os militares denunciaran como fraudulentas pouco despois de coñecer a vitoria incontestábel da LND, que lle outorgaban unha ampla maioría a pesar de que os militares tiñan asignados unha cuarta parte dos escanos de todos os órganos, amais de tres ministerios.

Na Cámara de Representantes a formación de Aung fíxose con 258 dos 330 asentos en xogo, mentres que na Cámara das Nacionalidades obtivo 138 de 168 postos posíbeis. Asemade, a diferenza do acontecido en 2015, nesta ocasión o partido convidou a formar Goberno as formacións soberanistas, moi críticas coa actuación dos soldados na represión de varios conflitos nacionais, como aconteceu en 2017 cos asasinatos en masa contra os rohingya, que deixou máis de 25.000 vítimas e obrigou a máis de 700.000 persoas a fuxir do país para salvar a vida.

Aínda así, tamén se cuestiona a responsabilidade de Aung ao desenvolverse os crimes durante o seu Executivo, no que os militares tiñan un importante peso. A propia líder da LND foi condenada a 33 anos de prisión por distintos delitos denunciados polo Tatmadaw tras a súa detención.

En todo caso, a sublevación tamén permitiu a Min Aung evitar a súa xubilación aos 65 anos, como fixaba a lei, e que se tería que ter producido poucos meses despois, o que suporía un impulso á incipiente transición democrática deseñada en 2008 pola Xunta militar que dirixía daquela o país asiático.

Eleccións

Nestes momentos, os militares están a preparar un proceso electoral controlado para lexitimar a súa permanencia no poder, uns comicios que nas circunstancias actuais serán unha “fraude”, advertiu a Organización das Nacións Unidas.

De forma previsíbel, o vencedor desas eleccións será o Partido da Unión, a Solidariedade e o Desenvolvemento, creado polos integrantes da anterior Xunta militar para defender as posicións do Exército e que apenas supera 5% dos representantes na cámara baixa. A formación converteuse en forza de Goberno de facto desde o golpe de Estado.
Isto non evita que haxa posibilidades de “que os líderes estranxeiros se vexan tentados a aceptar o resultado electoral como a mellor das malas opcións e seguir adiante”, sinala o International Crisis Group.

A nivel rexional, hai consenso en que a situación non beneficia os intereses dos países veciños, que asumen a pouca influencia que poden exercer para solucionar o conflito. “Creo que nin Superman pode resolver o problema de Myanmar”, afirmou Prak Sokhonn, ministro de Asuntos Exteriores de Camboxa.

Opio

Un dos sectores económicos que medraron a raíz do golpe de Estado foi o do cultivo e tráfico de opio, cuxa produción duplicouse desde a volta dos militares ao poder. A organización de dereitos humanos Iwgia sostén que tanto o Exército como o resto de grupos armados se benefician da situación, asegurando que para chegar das zonas de produción ás de distribución "deben pasar por múltiples puntos de control", ou dos militares ou dos grupos armados.

Comentarios