martes 14.07.2020

Felipe VI beneficiado da corrupción da monarquía

Un empresario sufragou a súa viaxe de voda con 269.000 dólares, segundo a prensa británica. 
Novamente a prensa inglesa destapa un escándalo da Familia Real española. (Foto: Nós Diario).
Novamente a prensa inglesa destapa un escándalo da Familia Real española. (Foto: Nós Diario).

Mentres os poderes do Estado tecen un cinto de seguridade arredor da monarquía española co apoio das súas terminais mediáticas, a xustiza e a prensa internacional destripan a corrupción da Casa Real. O xornal británico The Telegraph ven de publicar o seu último escándalo, con Felipe VI como protagonista.

O conxunto da familia real sabía e beneficiábase dos negocios do rei emérito. Así, por exemplo, os contactos do rei Juan Carlos abriron a porta á súa filla Cristina de Borbón e ao seu xenro Iñaqui Urdangarín, actualmente en prisión, do negocio dos patrocinios, unha actividade empresarial con importantes beneficios que rematou coa descuberta da trama organizada arredor da Fundación Nóos. Segundo sinalaron daquelas algúns xornalistas coñecedores da Casa Real, como Pilar Eyre, Urdagarín limitouse  a explicar o seu papel sinalando que el “só fixo o que aprendeu no Palacio da Zarzuela”.

Urdangarín rematou por converterse naquela altura na vítima propiciatoria para librar de responsabilidades a Casa Real. Nestes momentos, algúns analistas estabelecen un paralelismo entre o trato ofrecido a Urdangarín e ao rei emérito, situado como unha sorte de escudo de protección para evitar que as pegadas da corrupción non cheguen a Felipe VI e a imaxe da monarquía non se deteriore máis, na liña do anunciado polas diversas sondaxes. Aínda así, resulta difícil que o actual rei sexa quen de saír limpo de todo o conglomerado de negocios e prácticas empresariais dubidosas ligadas á familia real española.

A nova recollida polo diario británico The Telegraph apunta precisamente nesa dirección. Así, o xornal sinala que a lúa de mel secreta dos actuais reis Felipe e Letizia custou 467.500 dólares, 269.000 dos cales foron pagados polo empresario catalán, Josep Cusí. A viaxe de noivos comezou no mes de maio de 2004 e alongouse até agosto con visitas a Camboxa, as illas Fiyi, Samoa, California ou México. Na mesma liña, o rotativo destaca que por unha estadía de cinco días nun complexo hostaleiro das illas Fiyi, que conta con clientela exclusiva como Bill Gates, os monarcas españois abonaron 33.000 dólares.

O empresario que pagou máis da metade da lúa de mel dos reis de España, Josep Cusí é un vello amigo de Juan Carlos de Borbón. The Telegraph presenta a Cusí como “armador e tripulante” do barco do rei emérito, “compañeiro de confidencias, xornadas de caza e viaxes privados”, sendo o seu acompañante cando “se sometía a revisións e intervencións cirúrxicas” na clínica Planas de Barcelona, fronte ao palacio da súa filla Cristina e Iñaqui Urdangarín en Barcelona. O diario británico recolle que “en 2015, o señor Cusí e outros asociados presentaron a Juan Carlos un iate clásico, traído de Finlandia e chamado Bribón XVI que permite navegar mentres está sentado”.

As dúbidas sobre as relacións empresariais entre Cusí e o rei emérito veñen de vello. Así, por volta de 1983, o seu nome acaparou a atención informativa após serlle adxudicada a firma peleteira valenciana Inmapiel polo Goberno de Felipe González pola cantidade de 100 millóns de pesetas, tras ser sometida a un proceso de saneamento a conta das arcas públicas que algunhas fontes cifraron en máis de 500 millóns de pesetas. Na mesma liña, algúns medios non dubidaron en presentalo como “testaferro” de Juan Carlos de Borbón, cualificativo que gañou forza após coñecerse a cantidade de diñeiro achegada para a lúa de mel de Felipe VI.

A Casa Real xa anunciou que non ten intención de valorar oficialmente a achega de Josep Cusí á viaxe de voda de Felipe VI e Leticia. A versión de Zarzuela é que o caso non afecta aos monarcas actuais, senón ao rei emérito. Porén, The Telegraph pregúntase se os primeiros non deben pensar en devolver o diñeiro. As forzas nacionalistas no Congreso dos Deputados estudan diversas iniciativas para clarificar a cuestión, se ben dan por feito que outra vez a maioría parlamentaria da dereita e do PSOE van impedir calquera investigación.

comentarios