mércores 23/09/20

O BNG reclama ao Goberno español que investigue a corrupción da monarquía

Néstor Rego reitera a necesidade de que unha Comisión de Investigación analice os presuntos casos de corrupción ligados a Juan Carlos de Borbón e Felipe de Borbón, actual xefe do Estado. "Non investigar este tipo de condutas que afectan directamente á Xefatura do Estado é equivalente a amparalas e mesmo a lexitimar socialmente a corrupción", asegura o deputado.
Juan Carlos I
Juan Carlos I

O deputado do BNG, Néstor Rego, dirixiu unha pregunta ao Goberno estatal para coñecer as posíbeis actuacións que este estuda para investigar o presunto depósito de 1,7 millóns de euros nunha conta suíza realizada en nome do rei español emérito, Juan Carlos de Borbón.

O diario El País revelou o 1 de maio esta información, sinalando que os cartos llos tería entregado ao Borbón o sultán de Bahréin, seguindo as declaracións realizadas polo propio Fasana no mes de outubro de 2018 ante a o fiscal helvético Yves  Bertossa.

O deputado nacionalista destaca nun comunicado que os feitos relatados polo xornal El País tiveron lugar en 2010, cando Juan Carlos Borbón exercía como xefe do Estado. E que o intermediario naquela operación e investigado xunto ao monarca pola xustiza suíza, que ten no foco á Fundación Lucum da que foi beneficiario o rei emérito, tamén estivo procesado no caso Gurtel.

Rego lembra así mesmo as informacións sobre o presunto cobro por parte de Juan Carlos de Borbón de comisións ilegais relacionadas coa adxudicación dun tren de alta velocidade entre Medina e a Meca. Desa operación resultaría o depósito de 100 millóns de euros nunha conta suíza e logo destinado parcialmente á Fundación Lucum, radicada nas Bahamas.

Nun comunicado oficial da Casa Real, o actual xefe do Estado e herdeiro do monarca emérito, Felipe de Borbón, recoñeceu o seu coñecemento desta situación desde hai un ano, renunciando á herdanza dos cartos en cuestión. O deputado nacionalista insiste en que a misiva acredita os feitos denunciados e lembra que Felipe Borbón tamén está relacionado con outra fundación con sede en Liechtenstein e xestionada por Álvaro de Orleáns, curmán de Juan Carlos I.

O BNG, xunto con outras forzas políticas, solicitou unha Comisión de Investigación parlamentaria que esclarecese os presuntos casos de corrupción relacionados directamente coa xefatura do Estado e con Felipe de Borbón. Unha petición que foi denegada pola mesa do Congreso.

“Desde o punto de vista do BNG”, subliña Néstor Rego, “non investigar este tipo de condutas que afectan directamente á Xefatura do Estado é equivalente a amparalas e mesmo a lexitimar socialmente a corrupción". Por tanto, defendemos que é necesario investigar, tanto no ámbito político como xudicial para determinar as responsabilidades e consecuencias a que houber lugar”.

O deputado nacionalista reclama así mesmo a fin dunha institución “anacrónica e impropia dun sistema democrático” como é a monarquía. “Non é admisíbel en democracia unha xefatura do Estado vitalicia, hereditaria, que exerce ‘pola graza de Deus’ e, neste caso, sobre todo pola o ditador Franco”, conclúe.

comentarios