xoves 28.05.2020

Juan Carlos I levou a Suíza 1,7 millóns sendo xefe do Estado

Os cartos que levou o rei emérito español a Suíza en 2010 procedían do Sultán de Bahréin
Juan Carlos I de Borbón en Sanxenxo a finais de 2019 (Imaxe: Europa Press)
Juan Carlos I de Borbón en Sanxenxo a finais de 2019 (Imaxe: Europa Press)

O rei emérito español Juan Carlos I de Borbón levou a Suíza no ano 2010, sendo aínda por tanto xefe do Estado, un maletín cargado de 1,9 millóns de dólares, o que serían ao cambio 1,7 millóns de euros, e entregoullos ao seu xestor en Xenebra, Arturo Fasana.

O diario El País revelou na sexta feira, 1 de maio, esta información, sinalando que os cartos llos tería entregado ao Borbón o sultán de Bahréin, seguindo as declaracións realizadas polo propio Fasana no mes de outubro de 2018 ante a o fiscal helvético Yves  Bertossa, dentro da investigación sobre varias operacións de branqueo de cartos nas que estaría implicado o ex monarca e que investiga os movementos da fundación Lucum, na cal o rei emérito era o primeiro beneficiario. 

O fiscal suízo interrogou en 2018 a Arturo Fasana e preguntoulle sobre a orixe dese diñeiro. Berossa preguntou, segundo indica o rotativo estatal, cales "eran as razóns polas que Juan Carlos I recibiu 1,9 millóns de dólares o 7 de abril de 2010 do sultán de Bahréin, diñeiro que se aboou na conta de  Lucum no banco  Mirabaud". O xestor respondeu que o Borbón era unha persoa apreciada nos países do Golfo. "Volvía de Abu Dabi e veu á miña casa a Xenebra. Quería xantar comigo. Díxome que recibira 1,9 millóns do sultán de Bahréin. Escribín un informe de visitas", que se utiliza para dar a xustificación dun ingreso, "e pedín ao banco se podía entregar o diñeiro. Dixéronme que si”.  


Fasana tamén explicou ao fiscal que a orixe dos 100 millóns de dólares que recibiu en 2008 de Juan Carlos I estaba no monarca de Arabia Saudita e foron ingresados como "doazón" a Corinna Larsen. 

comentarios