Felipe VI inicia a rolda de contactos de cara á investidura do presidente do Goberno español

BNG, ERC, Bildu e Junts non recoñecen a autoridade política do Xefe do Estado e non acudirán.

Felipe VI con Francina Armengol a pasada na primeira rolda de contactos (Foto: Casa do Rei).
photo_camera Felipe VI con Francina Armengol a pasada sexta feira (Foto: Casa do Rei).

O rei inicia esta segunda feira, 21 de agosto, a rolda de consultas para designar candidato á investidura.

Por primeira vez terá que elixir entre dous aspirantes que se postulan para asumir o encargo: Alberto Núñez Feixoo, do PP, que se reivindica como gañador dos comicios do 23-X, e o socialista Pedro Sánchez, que se considera o único capaz de sumar apoios para superar a votación no Congreso.

Tras a constitución das Cortes, a presidenta do Congreso, Francina Armengol, acudiu a pasada sexta feira á Zarzuela para informar o Xefe do Estado da sesión constitutiva e para proporcionarlle a lista de partidos que mostraran a súa disposición para participar na rolda de consultas.

Só participarán sete formacións, pois outras catro BNG, ERC, Bildu e Junts declinaron acudir. Non recoñecen a autoridade política do Xefe do Estado e, no caso das formacións catalás, manteñen un boicot a Felipe VI desde o seu discurso tras o referendo ilegal do 1 de outubro de 2017.

UPN, CC e PNV

A lista de partidos ordenouse segundo o apoio obtido nas eleccións xerais, de manor a maior. Así, a rolda abrirase ás 10.30 horas co presidente de Unión do Pobo Navarro (UPN), Javier Esparza, que logrou un escano no Congreso e que ten comprometido o seu apoio á candidatura de Alberto Núñez Feixoo.

Hora e media despois está citada a deputada de Coalición Canaria, (CC), Cristina Valido, que está aberta a negociar con calquera dos dous aspirantes, e ás 16 horas será a quenda do portavoz do PNV, Aitor Esteban, que representa a cinco deputados e só contempla falar co PSOE.

Sumar

A primeira xornada de consultas fecharaa a líder de Sumar, a vicepresidenta Yolanda Díaz, que acudirá a Zarzuela ás 17.30 horas en representación dos 31 deputados logrados o 23-X, en representación dos oito partidos de Sumar: Sumar, Podemos, En Comú, EU, Compromís, Máis Madrid, Més per Mallorca e Chunta Aragonesista.

Vox, PSOE e PP, a terza feira

O Felipe VI retomará ás 10.30 horas desta terza feira a rolda de consultas co presidente de Vox, Santiago Abascal, en representación dos 33 deputados da formación.

A principios de mes ofreceu o seu apoio de balde a Núñez Feixoo, pero a decisión do PP de non cederlles votos para entrar na Mesa do Congreso arrefriou as relacións entre ambas as dúas formación. Agora Vox deberá aclarar se mantén o seu apoio.

Ás 12 horas será a quenda do presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e xa pola tarde, ás 16 horas, acudirá o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, como candidato máis votado e con máis escanos.

Dous aspirantes, un candidato

Os dous aspirantes máis votados móstranse dispostos a recoller o encargo do debate de investidura. Feixoo, como gañador das eleccións do 23 de xullo e con 171 votos atados (PP, Vox e UPN), e Sánchez, que se ve capaz de tecer alianzas para superar a votación, como xa conseguiu para facerse coa maioría na Mesa do Congreso.

A Constitución non determina que deba ser candidato o gañador das eleccións, será investido presidente quen logre a confianza do Congreso, sexa nunha primeira votación con maioría absoluta ou nunha segunda con máis votos a favor que en contra.

Por tanto, é o Congreso quen elixe o novo presidente do Goberno, pero é o rei o que decide quen se someterá ao debate de investidura.

Cronograma

Unha vez o rei comunique á presidenta do Congreso o nome do candidato que propón para someterse ao debate de investidura empezará a conta atrás para organizar o debate de investidura, que non poderá ser antes do 28 de agosto, cando a Mesa do Congreso certificará a listaxe de grupos parlamentarios da XV Lexislatura.

En caso de bloqueo político, a data da primeira votación do debate de investidura é clave, xa que determinará o día que en que terían lugar unhas novas eleccións xerais. En concreto, se a primeira investidura errada se votase o 30 de agosto, unha eventual repetición de eleccións tocaría o 17 de decembro, pero se se atrasa e pasan dous meses sen que ninguén sexa elixido presidente, xa tocaría votar en Nadal.

Comentarios