Francina Armengol anuncia que levantará o veto ao galego, catalán e euskera no Congreso, tras as negociacións cos grupos nacionalistas

O PSOE avanzou a pasada terza feira que Armengol sería a súa proposta para presidir a institución estatal.
Armengol sendo proclamada presidenta do Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Armengol sendo proclamada presidenta do Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Francina Armengol xa é oficialmente presidenta do Congreso español. Após unha votación que transcorreu en incidentes, as 350 deputadas e deputados do Congreso escolleron por maioría a ex líder do Executivo de Balears como a nova presidenta do Congreso.

Armengol logrou un total de 178 favorábeis, ante os 139 de Cuca Gamarra (PP) e os 33 de Ignacio Gil (Vox).

Aínda que a votación é secreta, mediante papeleta depositada en urna, os pronunciamentos dos distintos partidos en últimos días apuntan a que Armengol recibiu o apoio dos 121 deputados do PSOE, 31 de Sumar, sete de ERC, sete de Junts, seis de Bildu, cinco do PNV e un do BNG.

O PSOE avanzou a pasada terza feira que Armengol sería a súa proposta para presidir a institución estatal.

O BNG avanzou que votaría a favor da ex presidenta balear, mais a incerteza estivo no ar até o último momento xa que dependían de Junts para que a Presidencia de Armengol saíse adiante.

O seu primeiro discurso

A xa nova presidenta do Congreso asegurou durante o seu primeiro discurso como tal que “permitirá o uso de galego, catalán e euskera, na tribuna do Congreso”.

“Temos a oportunidade de mostrar a nosa gran riqueza e por iso, quero anunciarlles que esta Presidencia permitirá a utilización de galego, catalán e euskera a partir desta sesión constitutiva”, manifestou Armengol.

Postura do BNG

O deputado do BNG, Néstor Rego, quixo precisar que o apoio do BNG limítase de momento á formación da Mesa do Congreso esta quinta feira. "Despois virá a investidura", unha "segunda fase" na cal, segundo reiterou, non darán un "cheque en branco" aos socialistas e exixirán un acordo sobre "a axenda galega".

"Debe haber un acordo claro de cumprimento dos compromisos políticos coa Galiza que, á fin e ao cabo, é o que nos interesa. Esperamos que poidamos chegar a esa fase e que se poida avanzar nesa axenda galega, porque sería moi positivo", proclamou o nacionalista.

O deputado advertiu ao PSOE de que o apoio do BNG a unha investidura depende de se Pedro Sánchez ten un "compromiso claro" coa Galiza e recalcou que unha repetición electoral "non sería positivo para a sociedade".

Comentarios