EUA

Novo rexistro do FBI na Universidade de Delaware buscando documentos clasificados de Joe Biden

O FBI atopou xa diferentes materiais nas casas do presidente en Wilmington e Rehoboth Beach (Delaware), así como na oficina en Washington do Penn Biden Center.
O presidente dos EUA, Joe Biden, nunha visita a Nova York. (Foto: Bruce Cotler / ZUMA Press Wire)
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden, nunha recente visita a Nova York. (Foto: Bruce Cotler / ZUMA Press Wire)

O FBI segue a rastrexar a pista de documentos clasificados do presidente Joe Biden, logo de atopar diferentes materiais na súa residencia de Wilmington (Delaware) que datarían da súa etapa como vicepresidente de Barack Obama e tamén do seu paso polo Senado estadounidense.

A Universidade de Delaware, onde Biden cursou os seus estudos e que ten no seu poder máis de 1.850 caixas de rexistros que non se abriron ao público desde a súa chegada a este centro en 2012, foi o último obxectivo, segundo vén de revelar a canle CNN citando unha fonte "familiarizada co caso".

En dous rexistros realizados nas últimas semanas, dos que non se informou publicamente mais que contarían co "consentimento e cooperación" do presidente, segundo os seus avogados, o persoal do FBI achou "material de dúas sedes da universidade en dúas datas diferentes" que, se ben "non parecía ter marcas clasificadas", está agora "baixo revisión" desta organización.

Tanto a propia universidade como diferentes fontes da Casa Branca desbotaron pronunciarse ao respecto, afirma CNN. Estes rexistros son a acción máis recente da Xustiza estadounidense para localizar toda esa documentación clasificada da que non se tiña coñecemento previo que estaría en mans de Joe Biden.

Até o momento o FBI deu conta do achado de diferentes materiais sensíbeis nas súas casas en Wilmington e Rehoboth Beach (Delaware), así como na oficina en Washington do Penn Biden Center, un ente privado do presidente adscrito á Universidade de Pensilvania.

A repercusión desta investigación pon en cuestión a xestión de Biden no tocante a estes documentos supostamente protexidos e alentou as reaccións desde o Partido Republicano, que cuestiona a "dobre moral" dos demócratas, moi críticos o pasado ano co ex presidente Donald Trump ao verse involucrado nun caso moi semellante.

Comentarios