O exército israelí asasina máis un civil palestino, o número 17 no que vai de 2023

Jawad Bouaqneh, pai de seis fillos, foi asasinado fronte á casa da súa familia no campo de refuxiados de Xinín.
Soldados do exército de Israel (Foto: Ilia Yefimovich / dpa).
photo_camera Soldados do exército de Israel (Foto: Ilia Yefimovich / dpa).

As forzas de ocupación israelís asasinaron a tiros un mestre palestino de 57 anos que foi dar primeiros auxilios a un compañeiro ferido de morte, segundo os paramédicos e a familia do home, que denunciaron os feitos á prensa internacional.

Jawad Bouaqneh, pai de seis fillos, foi asasinado fronte á casa da súa familia no campo de refuxiados de Xinín.

Co seu asasinato elévase a 17 o número de palestinos asasinados este mes, todos civís.

As Forzas de Defensa de Israel (FDI) xustificaron, máis unha vez as súas accións, co argumento de que as súas tropas foran atacadas intensamente por pistoleiros palestinos e responderon con lume real.

Os feitos

O fillo de Bouaqneh, Farid, dixo que escoitaron un home, que despois se confirmou que era o integrante da Resistencia Palestina ferido de morte, que pedía axuda fóra da súa casa: “O meu pai saíu axudar o home, a brindarlle os primeiros auxilios”, dixo.

"Arrastrámolo dentro e... disparáronlle a meu pai na parte superior do corpo e movino dentro mentres estaba cuberto de sangue", informou Farid.

O Ministerio de Saúde palestino tamén confirmou a morte de Adham Jabareen, de 28 anos.

O ano pasado, en Cisxordania, máis de 150 palestinos foron asasinados, case todos polas forzas israelís.

O asasinato dos dous homes eleva a 17 o número de palestinos asasinados polo exército israelí en Cisxordania nos 19 días desde que comezou 2023, incluídos catro nenos. Nove deles eran de Xinín.

Os asasinatos prodúcense como resultado da intensificación das incursións case diarias do exército do Estado de Israel que persistiron durante case un ano baixo o lema de esmagar a limitada resistencia armada palestina no norte de Cisxordania.

Comentarios