Os EUA recomendan en privado a Zelenski que non rexeite "por sistema" as ofertas rusas de negociación

A diplomacia estadounidense pediu en privado ao Goberno ucraíno que "deixe aberta a posibilidade" de negociar un acordo de paz con Rusia
O presidente dos EUA, Joe Biden en rolda de prensa. (Foto: Nicolas Datiche / SOPA Images / DPA)
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden en rolda de prensa. (Foto: Nicolas Datiche / SOPA Images / DPA)

A diplomacia estadounidense pediu en privado ao Goberno ucraíno que "deixe aberta a posibilidade" de negociar un acordo de paz con Rusia para convencer os países aliados dos EUA de que a guerra en Ucraína non se está eternizando e hai unha opción de saída, segundo explicaron fontes próximas ás negociacións ao Washington Post.

Estas fontes falan dun "intento calculado" por parte dos EUA para garantir a Kíiv o respaldo de Gobernos cuxos electorados comezan a ficar cansos do conflito e das consecuencias económicas que comporta.

"Fatiga"

"A fatiga sobre Ucraína é unha realidade para algúns dos nosos socios", recoñeceu ao medio un responsábel estadounidense baixo condición de anonimato.

Con todo, o Goberno estadounidense tamén trasladou a Kíiv o seu convencemento de que ningunha das ofertas rusas para negociar teñen "credibilidade ningunha dadas as súas esaxeradas demandas".

Posíbeis negociacións no inverno

Porén, responsábeis estadounidenses consultados polo diario non descartan a posibilidade de que Zelenski apoie unha reapertura das negociacións unha vez chegado o inverno, cando as baixas temperaturas practicamente imposibiliten os combates e se abra unha xanela á diplomacia.

Un posíbel punto de inflexión na guerra segundo o Washington Post sería un achegamento ucraíno a Crimea: "Algúns dos países do G7 que pediron unha paz xusta e negociaron ven un posible punto de inflexión se as forzas ucraínas achéganse a Crimea".

Comentarios