Rusia céntrase en Donetsk e Ucraína trata de avanzar en Khersón

O director da CIA reuniuse co Goberno de Kíiv para asesoralo no referente á guerra en Ucraína, mentres a nivel militar os principais focos dos combates están en Khersón e Bakhmut.
Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína, a terza feira. (Foto: Michael Kappeler / dpa)
photo_camera Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína, a terza feira. (Foto: Michael Kappeler / dpa)

Ucraína e Rusia intercambiaron esta quinta feira acusacións de ataques con drons contra Kíiv e Crimea respectivamente, sen que foran confirmadas vítimas mortais. Porén, o epicentro dos combates están a ser os oblast de Khersón e Donetsk.

No primeiro, as tropas ucraínas lanzaron unha ofensiva para intentar facerse co control da capital da rexión, tamén chamada Khersón, tras rodear a cidade polo oeste, sinala AP. Máis de 70.000 residentes foron evacuados da zona perante a chegada das hostilidades, indicaron as autoridades rusas.

Pola súa parte, estanse a efectuar bombardeos na marxe esquerda do río Dniéper, pero o groso dos combates atópase na contorna de Bakhmut, en Donetsk, considerado nestes intres o principal obxectivo dos militares rusos.

Amais, a CNN fixo público que o director da Axencia Central de Intelixencia dos Estados Unidos (CIA), William Burns, visitou Ucraína a comezos de outubro nunha viaxe secreta para reunirse co presidente do país, Volodimir Zelenski. Os estadounidenses entregaron a Ucraína armamento por valor de 25.000 millóns de euros desde o comezo da invasión rusa.

A voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, Maria Zajarova, apuntou que “canto máis atraídos están os EUA a apoiar o réxime de Kíiv no campo de batalla, máis risco hai de provocar un enfrontamento militar directo”.

Nese sentido, un funcionario do Ministerio trasladou que os satélites comerciais dos EUA e dos seus aliados poderían ser considerados obxectivos lexítimos do Exército ruso en base á participación de Washington na guerra, asegura Reuters.

Precisamente o Exército dos EUA comunicou na madrugada desta quinta feira que efectuaron ensaios para desenvolver armas hipersónicas, campo no que a China e Rusia (que xa as usou en Ucraína) teñen unha gran vantaxe.

Ao tempo, o Estado Maior das Forzas Armadas ucraínas avanzou que Moscova está programando a “liquidación” dos líderes políticos e militares do país, entre novas denuncias do Kremlin por estar preparando Kíiv a detonación dunha bomba nuclear de baixo rendemento.

Nord Stream

Con respecto aos gasodutos Nord Stream, que unen Rusia con Alemaña, o Executivo teutón definiu como “tecnicamente imposíbel” utilizar a única liña que non se viu afectada por unha explosión a finais de setembro, e cuxo uso propuxera Moscova para que a Unión Europea recibira o gas natural que reclamaba.

Comentarios