Os EUA buscan na importación desde Venezuela a alternativa ao petróleo ruso

As negociacións entre Venezuela e os EUA para volver a estebelecer o comercio de petróleo xorden pola necesidade do país norteamericano de adquirir cru, despois de frear a compra de 800.000 barrís diarios a Rusia.
Félix Plasencia, ministro de Exteriores de Venezuel. (Foto: Zuma Press / Contacto Photo)
photo_camera O chanceler venezolano, Félix Plasencia, fixo un chamamento a terza feira para que os EUA eliminen as sancións contra o seu país. (Foto: Zuma Press / Contacto Photo)

Venezuela chamou esta cuarta feira a Administración dos Estados Unidos de América (EUA) a sentar na mesa de diálogo e eliminar as "anacrónicas sancións" estabelecidas contra o país suramericano.

“Eu convídoo, súmome á invitación que fai o presidente Nicolás Maduro, como o seu subalterno, para convidar tamén a miña autoridade homóloga, o meu colega, chanceler, xefe de Departamento de Estado dos EUA, a que construamos unha ruta de diálogo e entendemento respectuoso entre Estados soberanos”, sinalou o ministro de Asuntos Exteriores do Estado venezolano, Félix Plasencia, esta terza feira.

Segundo o chanceler de Venezuela, as sancións impostas unilateralmente ao país suramericano son “anacrónicas e violan o dereito internacional”, polo que exhortou ao secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, a dialogar para “desmontar a ruta equivocada de persecución e de sancións” contra Caracas que non contribúen ao achegamento entre os dous pobos.

A palabras dirixidas por Plasencia a Linken chegan despois do que parece unha reapertura das relacións económicas entre Venezuela e os EUA motivadas pola necesidade do país norteamericano de acrecentar as importacións de petróleo derivada da crise inflacionista que vén arrastrando nos últimos tempos e que se agravou polo freo de gran parte da importación de barrís de cru procedentes de Rusia.

Reunión de alto nivel

Así, o pasado 8 de marzo, tres anos despois de que Venezuela rompese relacións diplomáticas cos EUA polo seu apoio ao autoproclamado presidente de Venezuela, o opositor Juan Guaidó, tivo lugar unha reunión de Alto Nivel entre delegacións dos dous Estados, nas que se abordaron as exportacións de petróleo e o levantamento da prohibición ás refinerías estadounidenses de importar petróleo procedente do país latinoamericano.

Citando fontes dos EUA informadas das negociacións, The Wall Street Journal afirmou que o petróleo venezolano ingresaría aos mercados internacionais en base ás propostas realizadas polo Goberno dos EUA durante a reunión de Alto Nivel.​

Neste sentido, na pasada quinta feira 7 de abril, o presidente da Xunta Administradora Ad-Hoc da empresa estatal Petróleos de Venezuela, Horacio Francisco Medina Herrera, dixo que era moi probábel que Washington estenda a licenza a Chevron, o último produtor de petróleo dos EUA no país suramericano, para retomar as importacións de cru.

Maduro critica a expansión das bases militares dos EUA

O presidente venezolano, Nicolás Maduro, criticou na terza feira o enfoque hexemónico dos EUA e a expansión das súas bases militares. Durante a súa intervención na Cimeira internacional contra o fascismo, en Caracas, Maduro denunciou a existencia de bases militares estadounidenses por todo o mundo, o que, ao seu xuízo, serve a Washington para exercer a súa hexemonía ao servizo da xeopolítica de dominación do imperio. O líder venezolano tamén condenou o uso dos EUA das súas misións militares para impulsar golpes de Estado contra países soberanos, aludindo ao 20º aniversario do intento para depoñer a Hugo Chávez, ex presidente de Venezuela.

Os EUA fixeron a maior liberación de cru da súa historia 

Os EUA anunciaron o pasado 31 de marzo a maior liberación de petróleo da súa reserva estratéxica na historia. A medida busca reverter o aumento do prezo do combustíbel que a Casa Branca atribúe ao conflito entre Rusia e Ucraína. A liberación de cru das reservas dos EUA chegará ao millón de barrís diarios e terá unha duración de seis meses, unha medida sen precedentes históricos. O xefe do Goberno estadounidense, Joe Biden, culpou naquela altura da suba dos prezos directamente "á acción" do presidente de Rusia, Vladimir Putin. Porén, os prezos dos combustíbeis nos EUA xa estaban a experimentar unha intensa inflación nos meses previos ao conflito bélico en Ucraína. Un feito que se viu agravado polo corte na importación desde Rusia de 800.000 barrís diarios, froito das sancións impostas polos EUA ao Estado ruso. 

Comentarios