O Goberno Biden desbota dialogar coa Venezuela do "ditador" Maduro

Continuidade na Casa Branca coa política de Donald Trump cara ao país caribeño.
EuropaPress_3467670_06_december_2020_venezuela_caracas_woman_casts_her_vote_into_ballot_box
photo_camera O pasado mes de decembro desenvolvéronse en Venezuela eleccións lexislativas (Foto: Juan Carlos Hernandez / Zuma Press)

O Goberno dos Estados Unidos mantén que o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, é un "ditador" e, xa que logo desbota a posibilidade de que poida haber un "contacto directo" coa súa Administración no curto prazo, entre outras razóns porque considera que o líder opositor, Juan Guaidó, é o "presidente interino" do país.

Estados Unidos foi o primeiro país en recoñecer en xaneiro de 2019 a Guaidó como mandatario 'encargado' de Venezuela e, malia a saída do republicano Donald Trump e a chegada do demócrata Joe Biden á Casa Branca, seguirá na mesma liña. 

Desta mesma maneira, tampouco considera válidas as eleccións parlamentarias desenvolvidas en decembro e sostén que Guaidó e a súa Asemblea Nacional ─"a última institución democrática que queda"─ continúan a ser os únicos poderes lexítimos.

Ned Price, portavoz do Departamento de Estado do país norteamericano, sinalou a "represión, corrupción e mala xestión" de Maduro como responsábeis "dunha das crises humanitarias máis graves que viu o hemisferio" occidental. Washington, salientou, continúa a defender unha "transición democrática pacífica" en Venezuela.

Esta transición pasa por "eleccións presidenciais e parlamentarias libres e xustas", "para axudar os venezolanos a reconstruíren as súas vidas e o seu país", en palabras de Price. "Os venezolanos teñen dereito á democracia e a un Goberno que a promova e defenda", engadiu en conferencia de prensa.

Segundo o portavoz do Goberno estadounidense, Biden prometeu protección para os venezolanos fuxidos, así como sancións contra os dirixentes do Goberno venezolano "implicados en corrupción e abusos de dereitos humanos", o que convida a desbotar, cando menos por agora, que poida haber contactos directos coas autoridades de Venezuela. Maduro suscitara esta posibilidade despois da mudanza presidencial nos Estados Unidos

OEA e Grupo de Lima

O Departamento de Estado subliñou, porén, que por agora a estratexia continuará a ser traballar canda aos "aliados", tanto na rexión das Américas como en Europa. Neste sentido, Price citou foros como a Organización de Estados Americanos (OEA) ou o Grupo de Lima.

En todo caso, a posición dos EUA difire lixeiramente da que sostén a UE, que opta por falar de Guaidó como un "interlocutor privilexiado" e por deixar calquera consideración adicional en mans de cada un dos Estados membros.

comentarios