A UE, por vez primeira, proporcionará armas letais a Ucraína

É a primeira vez na historia, precisa Josep Borrell, que a Unión Europea envía material de guerra letal a un país terceiro porque "esta guerra precisa o compromiso da UE de apoiar o Exército ucraíno".
Un proxectil que impactou na cidade ucraína de Kharkiv (Foto: Ukrinform / DPA).
photo_camera Un proxectil que impactou na cidade ucraína de Kharkiv (Foto: Ukrinform / DPA).

Os países da Unión Europea alcanzaron este domingo un acordo para destinar 450 millóns de euros a financiar o envío de armas letais e munición a Ucraína para "axudar á poboación civil a defenderse da invasión dirixida por Rusia", un apoio que sumará outros 50 millóns para material non letal; por exemplo, combustíbel ou material médico.

"A UE é un proxecto de paz, queremos conservar a paz en Europa pero hai que estar preparados para defender esa paz", dixo o Alto Representante de Política Exterior da UE, Josep Borrell, nunha rolda de prensa en Bruxelas tras unha videoconferencia cos ministros de Exteriores da UE. Outro dos acordos que os Vinte e sete pecharon na reunión virtual extraordinaria é excluír "determinados bancos rusos" do sistema Swift de comunicacións financeiras e prohibir o acceso do Banco Central ruso aos seus reservas depositadas en bancos europeos.

Antes da videoconferencia cos ministros, Borrell xa aviso de que "outro tabú caera" a respecto de que a Unión Europea non proporciona armas nunha guerra porque "esta guerra necesita o compromiso [da UE] de apoio ao Exército ucraíno". "Vivimos momentos sen precedentes, como ocorreu en pandemia. Afrontamos a peste da guerra como en tempos da Biblia", dixo o xefe da diplomacia europea, antes de subliñar que esta será "a primeira vez na historia que a UE proporcionará material letal a un país terceiro".

O presidente do Consello europeo, Charles Michel, gravou unha mensaxe para expresar o apoio europeo a Ucraína e o recoñecemento da coraxe dos ucraínos que de maneira "heroica" defenden a súa liberdade e democracia, á vez que lles confirmou que a UE traballa para organizar "a entrega de emerxencia de equipo militar defensivo". "Armas, municións, foguetes e combustíbel están en camiño cara ás túas tropas", declarou Michel.

Avións de combate

Os países da UE acordaron proporcionar a Ucraína os avións de combate que solicitou o ministro de Asuntos Exteriores ucraíno, Dimitro Kuleba, para afrontar a ofensiva de Rusia. "Imos fornecer armas e mesmo avións de combate. Non estamos a falar só de municións, estamos a proporcionar as armas máis importantes para ir á guerra", afirmou o xefe da diplomacia europea.

Aliás, os Vinte e sete pactaron brindar axuda humanitaria para os ucraínos que foxen do seu país: "Activamos o noso Mecanismo de Protección Civil da UE e dezaoito Estados membros están a canalizar equipos humanitarios críticos cara a Ucraína", destacou Borrell. Tras unha pregunta sobre a activación da alerta da disuasión nuclear de Rusia, Borrell respondeu que "o mero feito de mencionar a posibilidade de utilizar armas nucleares é unha irresponsabilidade tan xigantesca que di moito da personalidade de quen o fai". Esta batería de medidas entrará en vigor cando sexan publicadas no Diario Oficial da Unión Europea.

Comentarios