Ignacio Ramonet: "Esta situación era evitábel e Putin advertiuno"

O xornalista salienta que "desde a Segunda Guerra Mundial non houbera un acontecemento bélico tan importante como este".
Ignacio Ramonet (Foto: Europa Press).
photo_camera Ignacio Ramonet (Foto: Europa Press).

O sociólogo e xornalista Ignacio Ramonet vén de impartir unha conferencia, recollida polo xornal Prensa Latina, a dirixentes da Central Nacional de Traballadores de Panamá (CNTP) e líderes de organizacións e de partidos políticos do país centroamericano a raíz da guerra desatada en Ucraína.

Ramonet precisou que "é a primeira vez desde 1945 que dous estados entran nunha guerra que inclúe un membro do Consello de Seguridade da ONU e unha potencia nuclear como Rusia". "Non se trata dun incidente nin dun evento menor, cuxas consecuencias, xa palpábeis nas economías, aínda están por verse", afirmou.

Aliás, o xornalista foi entrevistado esta quinta feira por Telesur, nunha intervención na que asegurou que a actual situación era "evitábel".

"O que Putin reclamou con insistencia é que se lle garanta a Rusia que Ucraína non vai ser parte da OTAN. Noutras palabras, que se lle garanta á Federación Rusa que non van chegar ao territorio de Ucraína, á fronteira con Rusia, armas nucleares que porían en perigo a seguridade de Rusia", apuntou.

Ramonet comentou que a invasión de Ucraína por parte do Exército ruso "marca a entrada do mundo nunha nova idade xeopolítica", xa que "estamos nunha situación absolutamente nova; desde a Segunda Guerra Mundial non houbera un acontecemento bélico tan importante como este".

Por outra parte, explicou que a OTAN expuxo a instalación de armamento en diferentes nacións para "garantir" a súa seguridade, mais "iso pon en perigo a seguridade doutros países, en particular a de Rusia. Isto era evitábel, Putin repetiuno e díxollo aos diferentes xefes de Estado e primeiros ministros: 'Si, sentemos arredor dunha mesa'".

"Na resposta que a diplomacia rusa lle deu á OTAN estaba claramente especificado, 'asinemos un documento no que a OTAN se compromete a non estenderse a Ucraína nin instalar armas, especialmente nucleares, que poidan poñer en perigo a seguridade rusa'. Por que non se fixo? É un misterio. Moitos observadores no mundo consideran que era unha opción, a diplomacia tiña a posibilidade de imporse", asegurou Ramonet.

Comentarios