Estados de América Latina enfrontan o espolio das súas reservas de litio

Os Estados do Triángulo do litio (Bolivia, Chile e a Arxentina) posúen 85% das reservas mundiais deste mineral. Bolivia ten as maiores reservas do mundo e nacionalizou a súa explotación en 2014, un paso que tamén vén de dar México esta semana. O debate da soberanía sobre este recurso natural tamén está moi presente na Arxentina e Chile. O pasado 13 de abril, estes catro Estados, xunto a representantes da Comisión Económica para América Latina e o Caribe (Cepal), participaron no Foro Internacional 'Perspectivas do Litio desde América Latina'. Bolivia e México xa nacionalizaron o mineral mentres seguen os debates en Chile e na Arxentina.
Andrés Manuel López Obrador e Luis Arce, son os presidentes de México e Bolivia, países nos que o litio é un recurso estatal. (Foto: Julián López / Zuma Press / Contacto Photo)
photo_camera Andrés Manuel López Obrador e Luis Arce, son os presidentes de México e Bolivia, países nos que o litio é un recurso estatal. (Foto: Julián López / Zuma Press / Contacto Photo)

O litio é un mineral de grande importancia estratéxica ao ser empregado para a fabricación de baterías para automóbiles e produtos electrónicos de consumo masivo, para a produción de aluminios, a confección de vidros e cerámicas e a fabricación de lubricantes, entre outros moitos usos industriais. Este novo "ouro" é froito do desexo de grandes multinacionais.

Durante a súa intervención na cimeira internacional sobre as 'Perspectivas do litio desde América Latina', a directora da División de Recursos Naturais da Cepal, Jeannette Sánchez, destacou a oportunidade que ten a rexión co litio, ao sinalar que a demanda deste recurso aumentou 11% a nivel mundial nos últimos anos e que se proxecta un crecemento anual de 16% entre 2019 e 2030.

Soberanía en México

O Congreso mexicano aprobou a reforma da Lei da Industria Eléctrica o pasado ano, coa que o Goberno  apostou pola recuperación da soberanía sobre os seus recursos enerxéticos, mais foi paralizada pola xustiza. Ante o enquistamento da aprobación por ter que percorrer a instancias xudiciais, o Goberno mexicano decidiu apostar por unha reforma constitucional, que, para saír adiante, precisaba unha maioría de dous terzos, feito que non foi posíbel polo desacordo na Cámara.

Ao día seguinte de que non saíse a maioría cualificada, o presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, cualificou de "traidores" os partidos que votaron en contra e enviou ao Congreso unha serie de modificacións á Lei Mineira para nacionalizar o litio e crear un organismo descentralizado que se dedique á exploración, explotación e os aproveitamentos deste mineral. Unha reforma que, como informou Nós Diario, quedou aprobada esta semana.

Un recurso estatal de Bolivia desde 2008

Bolivia, Estado coas maiores reservas mundiais de litio, nacionalizou este mineral en 2008, cando Evo Morales levaba dous anos na Presidencia. O ministro de Hidrocarburos e Enerxías do Estado Plurinacional de Bolivia, Franklin Molina, informou de que o Estado transita desde entón nunha "transformación da súa estrutura económica focalizada no proxecto de industrialización do litio".

Explotación en Chile

A ministra de Minaría de Chile, Marcela Hernando, informou de que a industria chilena do litio medrou até chegar a representar uns ingresos de 772 millóns de dólares nos primeiros 10 meses de 2021.

O Goberno de Gabriel Boric, presidente deste Estado, planea crear unha empresa nacional de litio, así como un instituto de investigación e desenvolvemento para indagar en novos métodos de extracción, materiais avanzados, tecnoloxía e innovación. Ademais, xa adoptou medidas como considerar o litio como "mineral estratéxico", prohibir a súa concesión e fortalecer o papel do Estado como propietario do recurso.

O litio na Arxentina

O subsecretario de Coordinación Institucional da Secretaría de Enerxía de Arxentina, Guillermo Usandivaras, indicou que o seu Estado conta actualmente con dous proxectos de explotación de litio, outros dous en construción e 50 en exploración. En 2018, a Arxentina "exportou algo máis de 30.000 toneladas de litio", sinalou, por un valor aproximado de 200 millóns de dólares.

A reforma da Constitución arxentina en 1994 deixou en mans das provincias as concesións da explotación de litio. Usandivaras mencionou que o actual código mineiro permite que as concesións a empresas privadas sexan "sen prazos nin condicións". Membros afíns ao kichnerismo da Fronte de Todos, o partido gobernante,  impulsaron o pasado 2021 un proxecto de lei para a nacionalización da industria do litio, un debate que continúa na palestra.

Comentarios