Boric xura como presidente de Chile e a revolución de 2019 entra en La Moneda

Feminismo, economía social, ecoloxismo e diversidade, liñas do Goberno.
boric_presidente_11marzo2022
photo_camera O novo presidente chileno, onte na súa toma de posesión (Foto: Gabriel Boric / Twitter)

O presidente electo de Chile, Gabriel Boric, xurou onte o cargo e converteuse no mandatario máis novo da historia do país e tamén do mundo na actualidade. "Ante o pobo e os pobos de Chile, si, prometo", enunciou o político de 36 anos durante a cerimonia de investidura celebrada nas dependencias do Congreso Nacional. 

O ex líder estudantil irrompeu en La Moneda con esta frase ─nun xesto máis coa diversidade étnica, nacional e indíxena de Chile─ encabezando unha nova alianza política, coa promesa de cambio e cun proceso constituínte, do que emanará unha nova Carta Magna, en marcha.

Á solemne cerimonia na cidade costeira de Valparaíso acudiron parlamentarios de todos os partidos chilenos; tamén xefes de Estado e de Goberno e representantes políticos de todo o mundo, como a coordinadora da área internacional do BNG, Ana Miranda (o positivo en Covid-19 da portavoz nacionalista, Ana Pontón, impediulle viaxar tamén a Chile como tiña previsto). 

Foi no Salón de Honor do Senado que o novo presidente da Cámara, o socialista Álvaro Elizalde, impuxo a banda presidencial a Boric. Posteriormente, o presidente saínte, Sebastián Piñera, entregoulle a piocha de O'Higgins, unha estrela de cinco puntas de 7 cm de diámetro, esmaltada en cor vermella e considerada símbolo do poder presidencial no país latinoamericano. 

"Sinto no fondo da alma que os chilenos soubemos enfrontar ben todas as adversidades que se cruzaron no camiño", aseverou en relación á revolta popular que abaneou a sociedade chilena ─e a súa presidencia─ en 2019. "Que teña o que todos queremos cando temos a Presidencia. Sabedoría para atopar os camiños correctos, forza para impulsar as reformas  necesarias, resiliencia para enfrontar as adversidades", engadiu Piñera, que sobre o seu Goberno dixo ter "un sentido do deber cumprido".

Retos

Boric e o seu Goberno terán que facer fronte a unha exixente axenda social nun momento complicado, cando mesmo os problemas derivados da invasión rusa de Ucraína afectarán a economía dun país con graves e fondas desigualdades socioeconómicas, tal e como puxo de manifesto a revolución iniciada en outono de 2019.

Nun sistema con gran poder para o presidente, Boric decidiu repartir responsabilidades entre os 24 membros do seu Gabinete, que conta con 14 ministras. O mandatario xa adiantou que "van vir momentos difíciles de alta exposición e arduo traballo, e será neses momentos cando máis debemos actuar en equipo". Feminismo, economía social, ecoloxismo e diversidade son as liñas mestras que seguirá Boric. 

Comentarios