Morales regresa a Bolivia un ano despois con Arce como presidente

O ex presidente cruzou esta segunda feira a pé o paso entre La Quiaca e Villazón, e está previsto que chegue na quinta feira a Cochabamba.
evo_morales-alberto_fernandez
photo_camera O presidente da Arxentina, Alberto Fernández, despediu a Evo Morales hoxe no paso de La Quiaca (Nós Diario)

"Non dubidaba que ía volver, mais non estaba seguro de que ía ser tan axiña, algo histórico e inédito", destacou o ex presidente de Bolivia Evo Morales, que regresou hoxe ao seu país tras a súa marcha forzada de hai un ano.

"Hoxe é un día importante na miña vida, volver á miña patria que tanto quero éncheme de alegría", expresou en Twitter. Morales, que chegou á cidade fronteiriza boliviana de Villazón, onde o recibiu unha multitude tras case un ano de asilo primeiro en México e despois en Arxentina, ten previsto encabezar unha caravana duns 800 vehículos que percorrerá uns 1.000 quilómetros até chegar a Cochabamba, previsiblemente o 11 de novembro, xusto un ano despois de abandonar Bolivia forzado polos militares.

Morales pasou gran parte do último ano en Arxentina. O presidente deste país, Alberto Fernández, acudiu á localidade arxentina de La Quiaca para despedilo persoalmente. O boliviano tivo palabras especiais para o seu "irmán" Fernández, de quen dixo que lle "salvou a vida". Tamén trasladou o agradecemento ao pobo arxentino: "Parte da miña vida fica na Arxentina despois de estar 11 meses". E tivo unha mención para o presidente mexicano, Andrés Manuel López Obrador.

Neste sentido, insistiu en que se forzou a súa saída por ter "nacionalizado os recursos e garantir a soberanía do Estado". "Ese foi o noso delito", lamentou. O mandatario arxentino, pola súa banda, dixo que "foi unha honra" acoller a Morales, a quen prometeu "estrañar". E apuntou que Morais regresa a unha patria "da que nunca debeu saír e onde nunca debeu ser maltratado como foi".

Toma de posesión

Morales regresa co panorama político e xudicial despexado, dous días despois de Luis Arce tomar posesión como presidente. O Movemento ao Socialismo (MAS) volve ao poder, mais Morales prometeu que non formará parte da nova Administración e que non tutelará a Arce.

"Somos maioría. Iso quere dicir que a poboación votou pola paz e a estabilidade, a esperanza e a dignidade", declarou Arce durante o seu discurso de investidura na toma de posesión do domingo en La Paz. Ademais, chamou á conciliación. "Malia as diferenzas estamos na obriga de estar á altura do pobo. Todos somos Bolivia, creo na xustiza, non en fomentar un ambiente de vinganza. Onde ser doutro partido político fai que sexas obxecto de odio", engadiu.

"A nosa patria enfronta unha tripla crise: política, sanitaria e económica. Nun ano retrocedeuse en todas as conquistas", censurou, non obstante, Arce.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios