México carga contra Repsol e Iberdrola na lea con España

O presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, insiste na "pausa" nas relacións. 
EuropaPress_3974913_presidente_pp_pablo_casado_asiste_quinta_jornada_convencion_pp_celebra
photo_camera Calderón ─na imaxe co líder do PP español, Pablo Casado, e co ex presidente de Colombia Andrés Pastrana─ é directivo de Iberdrola (Foto: Tarek / Europa Press)

O presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, insistiu nesta quinta feira en que é partidario de facer unha "pausa" nas relacións con España, aínda que aclarou que non é unha "ruptura", senón un tempo en que autoridades e empresas españolas deben "internalizar" que xa non cabe o "saqueo" nin a "corrupción".

"Non falei de ruptura", dixo o mandatario, partidario de "serenar a relación" para que España asuma que non se pode "saquear México impunemente". "Deberían ofrecer mesmo desculpas. Non o fixeron, non importa, mais imos entrar nunha etapa nova, amodo", alegou na súa comparecencia diaria ante os medios.

López Obrador apuntou que "ás veces tarda en que se entenda que xa hai outras condicións" en México e, xa que logo, ve necesario "avisar" de que as empresas xa non poden optar a contratos públicos no país norteamericano sen ningún trámite, coa suposta connivencia coas autoridades locais.

Empresas favoritas

"Víronnos como terra de conquista", alegou o presidente mexicano, que de novo cuestionou que, con cada presidente anterior, houbese unha empresa "favorita". Na súa comparecencia, aludiu de novo directamente a Repsol, OHL e Iberdrola, neste último caso para afear a incorporación aos seus órganos directivos de antigas autoridades de México como é o caso do ex presidente Felipe Calderón (2006-2012).

"Ofendéronnos os mexicanos, porque non só é o que traballen os altos funcionarios con estas empresas, senón o que nos custa este tipo de relación", sinalou López Obrador. Nestes supostos contubernios, engadiu, perdeuse "diñeiro do orzamento que é de todos os mexicanos, que no canto de usarse para sacar da pobreza o pobo usábase para favorecer estas empresas".

"Fobia" a España 

Neste sentido, negou que haxa unha "fobia" cara a España e lamentou que agora haxa quen "rache as vestiduras". "Agora sorpréndense, pois non hai ningunha ruptura, se cómpre aclaralo", afirmou o presidente mexicano, que negou que as súas palabras poidan afectar o investimento desde España. 

Sobre este tema, apuntou que México é "un dos países máis atractivos para o investimento foráneo", dado que agora "hai un auténtico Estado de Dereito, hai condicións de legalidade, hai gobernabilidade, hai paz".

Comentarios