Medios dos EUA atribúen a Ucraína o mísil que matou 17 persoas en Donetsk

Kíiv insiste en que se tratou dun proxectil ruso a pesar da análise divulgada por The New York Times.
Mercado de Kostiantynivka. (Foto: Vyacheslav Madiyevskyy / Europa Press / Contacto)
photo_camera Mercado de Kostiantynivka. (Foto: Vyacheslav Madiyevskyy / Europa Press / Contacto)

Malia que o 6 de setembro, despois de que o presidente ucraíno Volodimir Zelenski acusara Rusia polo falecemento de 17 persoas ao atacar cun mísil o mercado central de Kostiantynivka, na rexión de Donetsk, os medios occidentais reiteraron a autoría rusa do ataque, “evidencias recollidas e analizadas” polo xornal The New York Times “suxiren fortemente que o ataque catastrófico foi o resultado dun mísil errante da defensa antiaérea ucraína”, recolleu a terza feira a prensa internacional.

O medio estadounidense sostén que o Exército ucraíno lanzou poucos minutos antes nas proximidades dous mísiles terra-aire, e citou expertos militares que ratificaron que os danos producidos na área civil eran consistentes co armamento das tropas de Kíiv. Asemade, após o ataque ao mercado as autoridades ucraínas intentaron impedir ás e aos xornalistas o acceso á zona afectada.

Así e todo, o Servizo de Seguridade de Ucraína insistiu en que a súa investigación prosegue a apuntar cara a un “crime de guerra cometido por Rusia”. En novembro de 2022, dúas persoas morreron en Polonia polo disparo dun mísil da defensa aérea ucraína, como determinou a investigación de Varsovia. Porén, Kíiv reiterou que se trataba dun proxectil ruso.

Maria Zajarova, voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, sostivo que “incluso se se fixo sen querer, é obvio para todos, a desmilitarización completa do réxime de Kíiv non é só un requisito, senón unha necesidade vital”.

No que atinxe á contraofensiva militar ucraína que comezou os primeiros días de xuño, o secretario de Defensa dos Estados Unidos, Lloyd Austin, defendeu que “continúa progresando de maneira regular” e adiantou que os tanques Abrams de Washington “pronto entrarán en Ucraína”, tras admitir o voceiro do Consello de Seguridade Nacional da Casa Branca, John Kirby, que a contraofensiva non avanza tanto como quixeran.

Último modelo por entregar

Os 31 tanques estadounidenses, que contarán con municións de uranio empobrecido, son o último modelo agardado polas tropas de Kíiv logo das entregas dos alemáns Leopard ou dos británicos Challenger, que sufriron un importante número de baixas durante a contraofensiva.

Os militares ucraínos foron quen de superar no sueste do país unha parte da primeira liña de fortificacións rusas mais seguen lonxe das defensas principais, entrementres, sucédense pequenos avances dun e doutro bando ao longo da fronte.

Comentarios