Entra en vigor a aprobación do matrimonio homosexual en Suíza

A nova lei tamén permite que as parellas homosexuais poidan adoptar.
Manifestación polos ataques contra a comunidade LGTBI. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manifestación polos ataques contra a comunidade LGTBI. (Foto: Europa Press)

As parellas homosexuais poderán casar en Suíza desde esta sexta feira, ao entrar en vigor a aprobación do matrimonio homosexual que foi votada en referendo o 26 de setembro de 2021.

O Executivo suízo anunciara nun comunicado publicado en novembro do pasado ano que "a partir do 1 de xullo de 2022, as parellas do mesmo sexo poderán casar ou converter a súa parella rexistrada en matrimonio".

O escrito sinalaba que, despois de que "a clara maioría de votantes aceptaron" a proposta do matrimonio igualitario, o Parlamento de Suíza ía pór en marcha o proxecto de aprobación desta proposta en dúas fases.

A primeira fase comezou o 1 de xaneiro deste ano, coa entrada en vigor dunha disposición sobre o "balance das persoas do mesmo sexo que casaron no estranxeiro". Esta lei precisaba que pasase un período de de seis meses para ser vixente, até esta sexta feira, 1 de xullo, mais todas aquelas persoas que queren casar xa o puideron facer nestes últimos meses.

As parellas homosexuais tamén poderán adoptar

Xunto coa aprobación do matrimonio igualitario, a nova lei tamén recolle que as parellas homosexuais poderán adoptar a partir de agora.

Aliás, a normativa permite que mulleres solteiras ou parellas de lesbianas poidan ter acceso garantido a técnicas de reprodución asistida.

Por outra parte, cando un dos membros destas parellas homosexuais sexa estranxeiro, a nova lei facilitará que se beneficie dun procedemento de naturalización máis curto e menos custoso.

En Suíza posicionáronse en contra destas medidas que entran en vigor hoxe tanto a formación de extrema dereita Partido Popular Suízo (SVP nas siglas en alemán) como algúns grupos relixiosos radicais.

Comentarios