Irlanda legaliza en referendo o matrimonio homosexual

O reconto apunta unha ampla maioría a favor dos enlaces entre persoas do mesmo sexo. É o primeiro país do mundo en aprobalo por votación popular. Partidarios e detractores confirmaron a vitoria do si horas antes da confirmación oficial.

Irlanda matrimonio homosexual (Foto: Telegraph)


Irlanda vota si ao matrimonio homosexual. O reconto do referendo celebrado este sábado revela unha ampla maioría a favor dos enlaces entre persoas do mesmo sexo, segundo informou a televisión pública RTE. Convértese no primeiro país do mundo en aprobalo por votación popular.

O matrimonio homosexual será recoñecido no texto constitucional irlandés cos mesmos dereitos que o heterosexual. O apoio superaría o 60% nas principais cidades, segundo cifras provisionais. A participación foi alta entre os máis de tres millóns de irlandeses e irlandesas chamados a votar. Os medios locais sinalan o interese espertado pola votación, que superou a participación de outros comicios. 

Partidarios e detractores confirmaron a vitoria do si pese falta de anuncio oficial, que está previsto para as 19 horas. Todas as forzas políticas e medios de comunicación, así como as enquisas, mostraban unha tendencia maioritaria a prol da legalización dos enlaces.

Todas as forzas políticas e medios de comunicación, así como as enquisas, mostraban unha tendencia maioritaria a prol da legalización dos enlaces.

O ministro de Igualdade, Aodhán O’Ríordáin, foi o primeiro en avanzar o trunfo do si. Seguírono un bo número de deputados e representantes políticos. Incluso algúns dos máis destacados opositores aos matrimonios entre persoas do mesmo sexo. “Todo o mundo augura un si e iso parece ser o caso. É decepcionante”, declarou John Murray, do instituto católico Iona e líder dos detractores.

Irlanda xa recoñecera as parellas de feito do mesmo sexa en 2010, cando aprobou a lei de Relacións Civís. Unha medida que eludiu as presións dos grupos ultraconservadores e a Igrexa Católica, que pese a unha intensa campaña nesta ocasión polo non, tiveron que recoñecer a derrota no referendo convocado polo goberno de Dublín, de coalición entre conservadores e laboristas.

Comentarios