EH Bildu, PNV e ERC non presentarán emenda á totalidade ao orzamento de Sánchez

O Goberno español superará a quinta feira o primeiro trámite para aprobar o orzamento de 2022. PNV, EH Bildu e ERC anunciaron esta sexta feira que non presentarán ningunha emenda á totalidade.

Pedro Sánchez (Foto: Jesús Hollín / Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez (Foto: Jesús Hollín / Europa Press).

Nin PNV nin EH Bildu nin ERC presentaran emenda á totalidade ao proxecto de orzamentos españois para 2022. Así o anunciaron na mañá da sexta feira.

EH Bildu foi o primeiro dos tres grupos en anunciar que non presentará emenda á totalidade coa vontade de dar continuidade ás conversas das últimas semanas co Goberno español.

“Iso non quere dicir que demos un cheque en branco. Que ninguén pense que por non presentar unha emenda o Goberno ten asegurado o noso apoio. O Goberno terá que gañar os nosos votos”, avisaron.

Nun comunicado, a formación afirma que as negociacións co Goberno español van polo bo camiño. "Esperamos chegar a puntos de consenso nas próximas semanas”.

"De momento estamos a recibir un feedback positivo, temos unha interlocución e un intercambio estábel e continuo, e priorizouse manter a xanela de negociación aberta", engade.

Bildu vincula a negociación á derrogación da reforma laboral, "que non se pode alongar máis". “Os tesoirazos da última semana responden a isto, e cando os prazos están a piques de expirar é necesario adoptar accións. Esiximos ao Goberno que cumpra a súa palabra”, sentencia.

Tamén relacionan o seu voto nos orzamentos á lei audiovisual española e din ao Goberno español que debe introducir os cambios que lle reclaman os axentes vascos, porque por agora "é excluínte respecto ás linguas" oficiais.

O portavoz do PNV, Aitor Esteban, anunciou que a súa formación non presentará emenda á totalidade ao alcanzar un acordo co Goberno español para a asunción íntegra da xestión do Ingreso Mínimo Vital (IMV).

"Permítenos avanzar cara a unha nova etapa de negociación das emendas parciais con certo optimismo", dixo. En todo caso, avisou de que isto non supón que o PNV acabe apoiando o conxunto do orzamento ao termo da tramitación en decembro, e lembrou que aínda están pendentes acordos sobre cuestións como o tren de gran velocidade.

Acordo en relación á Lei do audiovisual e as linguas oficiais

A respecto de ERC, o presidente do grupo parlamentario no Congreso español, Gabriel Rufián, explicou que chegaron a un acordo co Goberno español para a protección do catalán, o vasco e o galego na industria audiovisual, unha condición que expresara publicamente o presidente da Generalitat, Pere Aragonès.

Segundo dixo Rufián, o Goberno español acordou negociar con ERC a porcentaxe concreta de produción audiovisual en catalán na lei do audiovisual. Con todo, non deu detalles de que porcentaxe quere ERC que sexa. E engadiu: "Xogámonos un sector industrial enteiro e unha chea de postos de traballo”.

A Mesa pola Normalización Lingüística deu os parabéns ao Goberno español e a ERC polo acordo e lembra que as forzas políticas galegas amosaron en múltiples ocasións a súa unanimidade neste sentido.

"Onte mesmo", recorda o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "o Concello de Santiago aprobou por unanimidade a moción Xabarín 2.0. pola defensa do galego na Lei do Audiovisual que se está a debater no Estado e axiña farán o mesmo o resto dos Concellos do país, como xa fixeron tamén todas as forzas políticas do Parlamento Galego en dúas ocasións e como recordou o BNG no Congreso en datas recentes".

O BNG xa adiantara que esa sería a súa resposta

Antes de transcender a decisión de ERC, PNG e EH Bildu, xa o BNG advertira de forma indirecta que non ía emendar ao completo as contas da equipa de Pedro Sánchez.

Así o deixou entrever o deputado nacionalista Néstor Rego nesta terza feira, cando amosou o seu compromiso de presentar emendas nos OXE para reclamar a inclusión de partidas específicas co obxectivo de que se leve a cabo a redacción do proxecto completo para a humanización da avenida Rosalía de Castro, no Milladoiro (Ames), entre outras cuestións.

Por exemplo, a emenda nos anteriores orzamentos para a mellora dunha infraestrutura en Cerdedo-Cotobade vai continuar sendo unha demanda. "O BNG vai seguir insistindo con todas as forzas para lograr que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana poña solucións aos actuais problemas de accesibilidade e seguranza na N-541”, afirmaron hai escasos días.

Comentarios