O Estado sube o gasto na Galiza para 2022 en 29%

Os orzamentos xerais do Estado para 2022 entran nunha nova fase. A ministra de Facenda, María Jesús Montero, presentou esta cuarta feira as novas contas públicas, que representan unha alza do investimento na Galiza de 29% e recollen unha achega de 1.074 millóns de euros para diversas actuacións. Néstor Rego considera que “a posición de firmeza mantida polo BNG o ano pasado acaba sendo útil”.

O delegado do Goberno, José Miñóns visitando as obras da A-54 en Palas de Rei. (Foto: Europa Press) #investimentos #orzamentos #infraestruturas
photo_camera O delegado do Goberno, José Miñóns visitando as obras da A-54 en Palas de Rei. (Foto: Europa Press)

Os orzamentos xerais do Estado para 2022 recollen un incremento do investimento na Galiza de 29% en relación coa pasada anualidade. Segundo a proposta de contas públicas presentadas esta cuarta feira pola ministra de Facenda, María Jesús Montero, as achegas do Goberno estatal á Galiza alcanzan os 1.074 millóns de euros, 242 máis que os asignados no proxecto de orzamentos de 2021. Unha boa parte desta alza correspóndese cos 121,7 millóns de euros destinados á construción nos estaleiros ferroláns das fragatas F-110, que tradicionalmente as contas do Estado incorporan como parte do gasto territorializado na Galiza.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana volve ser un dos departamentos que máis invisten na Galiza. Neste sentido, reciben un importante impulso as obras da A-54 entre Arzúa e Melide, con 16,2 millóns de euros e entre Melide e Palas de Rei, cunha contía próxima a 42 millóns de euros. Na mesma liña destaca a partida de 23,7 millóns de euros para o tramo de Vilaboa á Ermida, da circunvalación de Pontevedra, así como a de 22,96 para a execución da estrada de conexión do Barco de Valdeorras coa N-120 e a N-563.

As contas do Estado asumen, tamén, diversas actuacións no ámbito cultural. Destacan, entre elas, a rehabilitación do inmóbel que acolle a sede da Real Academia Galega, diversas actuacións de recuperación do patrimonio do Camiño de Santiago polos concellos de Paradela, Pedrafita, Samos, Portomarín e Triacastela e a contribución ao programa para o aproveitamento turístico de 18 xacementos galaico-romanos en Pontevedra. A maiores correspóndenlle á Galiza 39,35 millóns de euros procedentes do fondo de compensación, 29,51 dos cales deben destinarse a gasto sanitario.

“Un punto de partida mellor”

O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, considera que “as contas deste ano son un punto de partida mellor que as do ano pasado, comezando porque superan o investimento de 1.000 millóns de euros que o BNG considera básico”. Aínda así, Rego entende necesario “recuperar o déficit de pasados exercicios para que a Galiza non siga perdendo” e considera que “a posición de denuncia e firmeza mantida polo BNG o ano pasado acaba sendo útil”. Neste sentido, defende estas contas como “unha primeira vitoria do nacionalismo” e aposta por seguir traballando para melloralas.

“Globalmente hai algunha posición en materia de política fiscal que vai na boa dirección, como o incremento de Imposto de Sociedades, pero desaprovéitase a posibilidade de facer unha reforma de máis calado”, destaca Rego, quen advirte do risco de perda de poder adquisitivo dos pensionistas e dos traballadores públicos como consecuencia da alza da inflación.

Na mesma liña, denuncia a negativa do Goberno español a rematar coa taxa de reposición, “malia terse aprobado unha proposta do BNG nese sentido no marco da comisión de reconstitución”.   

O deputado do PP por Ourense Celso Delgado amósase moi crítico na súa valoración das contas de 2022. Neste sentido, sinala que “os orzamentos xerais do Estado que foron entregados ao Congreso non teñen ningunha credibilidade porque parten dun cadro macroeconómico absolutamente falso como teñen posto de manifesto organismos como o Fondo Monetario Internacional”. Na mesma liña, denuncia que “disparan o gasto público dunha maneira irresponsábel e conteñen unha carga fiscal masiva que vai afectar as empresas”.

“En definitiva os orzamentos disparan o déficit público que terán que pagar os nosos fillos. Desde logo, botamos moi en falla políticas de apoio ás empresas, que están vivindo neste momento unha situación de problemas agudos e que non teñen estímulos”, conclúe Delgado.

Comentarios