Crise na extrema dereita: Espinosa de los Monteros deixa a dirección de Vox

O aínda portavoz no Congreso e deputado electo da formación ultraespañolista, para moitos representante do sector "liberal", distanciouse progresivamente da cúpula de Santiago Abascal, de forma parella ao ascenso de figuras consideradas máis radicais como o ex candidato de Falange Jorge Buxadé.
Santiago Abascal e Iván Espinosa de los Monteros, durante un pleno recente do Congreso. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera Santiago Abascal e Iván Espinosa de los Monteros, durante un pleno recente do Congreso. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

Soan os tambores de guerra nas filas da extrema dereita. O deputado electo e até o de agora portavoz de Vox no Congreso, Iván Espinosa de los Monteros, decidiu deixar a dirección do partido de Santiago Abascal e o seu escano para regresar á actividade privada no mundo empresarial. Así o adiantou esta terza feira o xornal El Mundo e posteriormente confirmaron fontes do partido ultra, no que milita desde que se fundou hai xa unha década, do que foi secretario xeral entre 2014 e 2016 e co que se presentou ás eleccións estatais do pasado 23 de xullo como 'número tres' na lista de Madrid, por detrás de Santiago Abascal e María Ruiz Solás.

A noticia transcendeu mentres o vicepresidente da formación ultraespañolista e eurodeputado, Jorge Buxadé, respondía as preguntas dos xornalistas da Cadena COPE. Buxadé non negou as intencións de Espinosa e remitiuse á rolda de prensa que convocou para este mediodía no Congreso. "Se o señor Espinosa, o meu amigo, compañeiro, convocou unha rolda, esperemos ao que diga el. Máis aló non podo dicir", dixo.

Tamén se referiu ao aínda voceiro de Vox na Cámara baixa como "un tipo extraordinario, un traballador incansábel, un gran parlamentario, unha boa persoa, que forma parte da historia, do presente e o futuro de Vox, con toda seguridade". E eloxiou a súa "intelixencia, sensatez, prudencia, capacidade de reacción e sentido do humor", así como os seus 'cara a cara' no Congreso coa ministra de Economía e vicepresidenta primeira do Goberno español, Nadia Calviño, durante a última lexislatura no Congreso.

Na súa comparecencia ante a prensa desde o Congreso, Espinosa xustificou a súa saída, da dirección e non do partido ultra, onde ficará como "militante de base" e "sempre ao dispor" da cúpula, alegando motivos persoais e familiares: "Os meus pais xa non son tan novos e os meus fillos non son tan maiores e, malia que actualmente están todos ben, pasei suficientes noites de hospital con eles para meditar sobre o momento vital no que me atopo".

Crise interna

Que Espinosa de los Monteros, un dos rostros máis visíbeis da ultradereita española, vaia dar un paso á beira e afastarse da primeira liña política é unha decisión motivada polo seu progresivo distanciamento da cúpula de Santiago Abascal. Segue así os pasos de Macarena Olona, que o pasado verán tamén abandonou as filas de Vox por importantes discrepancias coa dirección. Considerado o principal representante da "facción liberal" do partido, Espinosa foi ficando illado, segundo sinalan analistas expertos na formación de extrema dereita, mentres ascendían da man de Abascal algunhas das figuras consideradas máis radicais, como Jorge Buxadé, ex candidato da Falange que asegurou que non se arrepinte diso, senón de ter militado posteriormente no PP, e os seus afíns.

Durante a campaña electoral dos últimos comicios estatais, aliás, Espinosa ficou relegado a un segundo plano e Buxadé, pola contra, foi un dos principais protagonistas malia non ser un dos candidatos. E, segundo apuntan fontes consultadas por El País, a elaboración das listas ao Congreso recaeu tamén neste último dirixente, que 'purgou' moitos dos principais apoios do seu aínda compañeiro de partido.

Na rolda de prensa desta terza feira, porén, eludiu cargar contra Santiago Abascal e os seus principais achegados, como o propio Buxadé. De feito, eloxiounos. O líder ultra salientou que, sen el, "esta aventura non sería posíbel", e que agarda velo "máis cedo que tarde" na Moncloa. Tamén quixo citar, alén de Jorge Buxadé, ao actual secretario xeral da formación extremista, Ignacio Garriga, e o responsábel da área de Comunicación, Manuel Mariscal.

Tras o seu anuncio, o tamén deputado e 'peso pesado' de Vox Javier Ortega-Smith tivo palabras de afecto cara a Espinosa que tamén soaron a reproche cara ao 'núcleo duro' dun Abascal que, até o momento, avogou por ficar calado: "Lamento moito a túa dimisión e moito máis as razóns que a provocan. Loitaches sen descanso desde a fundación de VOX con lealdade, xenerosidade e sacrificio. Aínda que algúns non cho souberon recoñecer, a inmensa maioría temos unha impagábel débeda de patriotismo contigo".

E na mesma liña apuntou o ex parlamentario Víctor Sánchez del Real, un dos 'purgados' nestes comicios: "Entrei [en Vox] nas vésperas da súa fundación pola "túa culpa", Iván. E en 10 anos vimos xuntos o que si pensamos sería posíbel. Xuntos en Vistalegre. Xuntos vimos, de golpe, os resultados de Andalucía 2018. E xuntos vimos o que se logrou con 24 e con 52. E sempre me apoiaches, comprendiches, guiaches. E sempre foi unha honra romper fenda ao teu lado. Coa complicidade de quen non teñen nin que falar para avanzar xuntos. Fronte a tantos que non crían e marchaban ou viñan dando leccións cando 'xa saímos na tele'. Por iso, contigo, sempre. Onde sexa. Como sexa. Custe o que custe outra vez".

Comentarios