Le aquí o Documento completo

PSOE e Junts pactan a investidura de Pedro Sánchez: haberá amnistía e negociarase o referendo

A falta do previsíbel 'si' do PNV, os socialistas despexan o camiño cara á investidura.
Laura Borràs, Jordi Turull, Carles Puigdemont e Miriam Nogueras, esta cuarta feira, en Bruxelas. (Foto: Europa Press)
photo_camera Laura Borràs, Jordi Turull, Carles Puigdemont e Miriam Nogueras, esta cuarta feira, en Bruxelas. (Foto: Europa Press)

O socialista Pedro Sánchez segue achaiando o terreo cara á reedición do seu Goberno de coalición con Sumar. Na madrugada desta quinta feira o PSOE salvou con Junts os últimos escollos que impedían un acordo de investidura xa encarreirado durante as últimas xornadas, e en especial esta pasada cuarta feira. E ao apoio da formación liderada polo ex president catalán Carles Puigdemont súmase o 'si' que xa confirmaron, após senllas negociacións, BNG, ERC, EH Bildu e a propia plataforma da vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, quen máis que previsibelmente continuará en Moncloa na vindeira lexislatura.

A Lei de amnistía, que xa contaba co apoio de Esquerra Republicana —e mais da súa militancia—, recibe agora tamén o beneplácito de Junts, que dará os seus votos a un Sánchez que nestes momentos tería xa asegurados 173 'si'. A pelota está agora no tellado dos cinco escanos do PNV, que aínda non pactou a investidura pero que o fará, de cumprírense os prognósticos, nas próximas horas para despexar o camiño cara á sesión de investidura. O acordo, adiantan desde Ferraz, está "a piques de fecharse".

Fontes da negociación citadas pola axencia Europa Press xa avanzaran antes da sinatura que o pacto inclúe tanto a amnistía como os casos de lawfare —guerra xudicial—, termo que o independentismo catalán emprega para se referir ao que considera unha persecución por parte de xuíces e maxistrados por motivos políticos. Ás 12 horas compareceu o secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, para dar conta dos detalles do documento acordado con Junts. E o referendo está igualmente presente no texto.

En concreto, contempla que os de Carles Puigdemont proporán a convocatoria dun referendo de autodeterminación "sobre o futuro político de Catalunya" mais engadindo un matiz: estará "amparado no artigo 92 da Constitución", que recolle que "as decisións políticas de especial transcendencia poderán ser sometidas a referendo consultivo de todos os cidadáns" e que "o referendo será convocado polo Rei, mediante proposta do Presidente do Goberno, previamente autorizada polo Congreso dos Deputados", o que pode traducirse como unha renuncia á vía unilateral. O PSOE, porén, defenderá nunha reunión programada para este mesmo mes o "amplo desenvolvemento do Estatut de 2006".

E, no caso de haber un referendo, será ao abeiro da legalidade española vixente. "Todo o que se faga será dentro da Constitución, esa foi a nosa liña vermella. Para calquera cousa que se falase sobre o referendo, nós limitámonos á Constitución", matizou Cerdán. O tempo dirá se finalmente o Goberno español entende que o referendo de independencia se axusta á Constitución de 1978, mais o que fica claro polo de agora é, tal e como salientou o deputado socialista, a aposta pola vía política para resolver o conflito: "Pasaron seis anos desde 2017 e segue sen resolverse. É hora de dar á sociedade catalá e ao resto da española un novo horizonte", defendeu.

No que atinxe á futura Lei de amnistía, que o representante socialista lembrou que foi pactada con ERC e Junts mais que agora deberá pasar o filtro do resto de formacións políticas para o seu debate e votación no Congreso, abranguerá todos os delitos imputados ao independentismo no marco do procés desde 2012, ano no que se iniciou o longo camiño que culminou no referendo independentista de 2017 —previo paso pola consulta impulsada por Artur Mas o 9 de novembro de 2014, hai hoxe exactamente nove anos—, e até a actualidade.

Mais será a Xustiza a que teña a última palabra. "A partir de aí, temos que ver que sucede contra os demais; non somos nós, serán os xuíces os que valoren se cobre [a amnistía] uns ou outros. Non se falou de nomes en particular", apuntou Cerdán, que responsabilizou a recente imputación de Puigdemont por un presunto delito de terrorismo na causa de 'Tsunami Democràtic' da demora das negociacións: "Evidentemente, o que sucedeu durante a semana coas imputacións por terrorismo a Carles Puigdemont convidounos tamén, a Junts, a faceren unha relectura e volveren revisar todo o que tiñamos falado".

Por outra parte, Junts proporá, "de entrada", unha modificación da Lei de financiamento das comunidades autónomas (LOFCA) que estabeleza unha "cláusula de excepción" para Catalunya que recoñeza a "singularidade" na que se artella o sistema institucional da Generalitat e, así, facilitar a cesión de 100% de todos os tributos que actualmente paga a cidadanía residente en territorio catalán. O PSOE, con todo, apostará por medidas "que permitan a autonomía financeira e o acceso ao mercado de Catalunya", así como un "diálogo singular" sobre o impacto no país do actual modelo de financiamento.

Comentarios