A investigación polo disparo a Vidal-Quadras apunta a Irán

O ex político do PP e de Vox atópase fóra de perigo.
Alejo Vidal-Quadras, no Parlamento Europeo (Foto: Europa Press).
photo_camera Alejo Vidal-Quadras, no Parlamento Europeo (Foto: Europa Press).

A investigación aberta pola Policía tras o disparo que recibiu esta quinta feita en plena rúa en Madrid o ex político do PP e de Vox Alejo Vidal-Quadras indaga sobre a posíbel relación con Irán, segundo confirmaron fontes da investigación.

O propio Vidal-Quadras, unha vez estabilizado no hospital, indicou que o ataque pode estar vinculado coas súas relacións coa oposición iraniana, unha hipótese coa que se está a traballar na investigación do suceso.

Nun principio, a investigación asumiuna o Grupo de Homicidios da Xefatura Superior de Policía de Madrid, contando co apoio de especialistas da Policía Científica, mais as indagacións que apuntan a un encargo propiciaron que tamén se sumen axentes da Brigada de Información, informaron fontes policiais.

O ex político de 78 anos, ex presidente do PP catalán e membro fundador de Vox, foi hospitalizado de urxencia tras recibir ás 13.30 horas un disparo na cara á altura do número 40 da rúa Núñez de Balboa, no madrileño barrio de Salamanca.

Desde última hora da mañá búscase a un home, autor do disparo, que se achegou a pé a Vidal-Quadras tapando o seu rostro cun casco e que logo fuxiu nunha moto cunha segunda persoa, ao parecer unha muller. A Policía está analizando unha moto calcinada que foi achada en Fuenlabrada (Madrid) por se garda relación cos feitos.

A bala causoulle unha ferida con orificio de entrada e saída á altura da mandíbula, aínda que Vidal-Quadras estaba consciente e con abundante sangue cando foi atendido polos servizos de emerxencias. A continuación foi trasladado a un hospital, onde foi intervido sen que a súa vida corra perigo.

Segundo as primeiras pescudas policiais e testemuños presenciais, o autor do disparo foise a pé da escena dos feitos e virou por unha rúa próxima a Núñez de Balboa, onde o esperaba outra persoa, ao parecer, unha muller, para fuxir ambos os nunha moto.

Comentarios