Urnas abertas para as presidenciais do Perú e as intermedias de México

O pobo peruano xa están votando a que será a súa vindeira presidenta ou presidente, co aspirante de esquerda, Pedro Castillo, liderando as enquisas. En México, as eleccións intermedias están marcadas pola violencia en campaña.

Ás 7 da mañá hora local (14:00 na hora oficial galega), 11.918 locais de votacións no Perú xa estaban abertos para a segunda volta das eleccións peruanas, nas que máis de 25 millóns de persoas terán que elixir entre Keiko Fujimori e Pedro Castillo.

Fujimori, filla do ex ditador Alberto Fujimori que se presenta por Forza Popular, de dereita neoliberal, enceta o seu terceiro balotaxe perseguida por varias acusacións de corrupción e diante da que poder ser a súa derradeira oportunidade. 

Porén, a campaña baseada no terruqueo contra a opción ”comunista” que suporía Pedro Castillo, levou a que boa parte da dereita peruana a apoiara, incluído o premio Nobel peruano nacionalizado español, Mario Vargas Llosa, que encabezou unha multitude de actos contra o candidato de esquerda.

Da outra banda, o mestre sindical Pedro Castillo, da organización de esquerda Perú Libre, encabezou as enquisas até o último intre despois de gañar na primeira volta do 12 de abril.

Despois do goberno de Ollanta Humala, o último de esquerdas, Castillo propón un salto adiante na socialización da economía, enfocándose na superación da pobreza e na estabilización dun Estado que está a piques de elixir o que será o seu cuarto presidente nun ano.

Os medios peruanos informan de que antes de que abrisen as urnas xa había fileiras de votantes en cidades como Puerto Maldonado agardando para exercer o dereito a voto.

México vota marcado pola violencia

Unha hora despois do comezo da segunda volta das eleccións peruanas, era México o que anunciaba o comezo dos comicios para elixir máis de 21.000 cargos de elección popular, entre eles 15 gobernacións, 500 deputadas e deputados federais, 1.063 cargos en congresos locais, 1.900 alcaldías e 17.000 cargos nos concellos.

Estas eleccións están marcadas pola violencia, con entre 90 e 167 asasinatos vencellados os comicios, segundo as fontes, e até 782 agresións contra persoas candidatas ou do mundo da política.

As últimas enquisas apuntan a que Andrés Manuel López Obrador, presidente mexicano, impulsará a ampliación da representación de Morena, a súa organización.

Comentarios