O cumio de París considera chaves os Bancos de Desenvolvemento nunha reunión sen apenas avances

Rematou a Cimeira por un Novo Pacto Financeiro Global con acordos modestos e de pouca concreción.
Mia Mottley, líder de Barbados. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mia Mottley, líder de Barbados. (Foto: Nós Diario)

O presidente francés, Emmanuel Macron, sostivo que a Cimeira por un Novo Pacto Financeiro Global que rematou a sexta feira en París alcanzou un “consenso completo” para converter en “máis eficaz” e “máis equitativo” o sistema financeiro mundial, nunha proposta que se avaliará a nivel internacional nos próximos dous anos.

Porén, os medios franceses admiten que a xuntanza, na que participaron máis de 40 xefas e xefes de Estado, ofreceu poucos resultados concretos, e non foi quen de acordar a principal proposta de Macron, estabelecer a nivel mundial un imposto aos gases de efecto invernadoiro do transporte marítimo mundial, algo que non aceptaron os Estados Unidos, a China, Alemaña e o Xapón.

Tampouco houbo un pacto global arredor da posibilidade de cancelar a débeda dos países que sufran catástrofes naturais ou de mellores condicións para reestruturala, máis alá dun acordo do Banco Mundial con varios Estados para estudar a posibilidade de suspender a devolución da débeda nesta situación. Tamén se produciu un acordo de Zambia con acredores para reestruturar 5.800 millóns en préstamos.

Aliás do Banco Mundial, tamén o Fondo Monetario Internacional anunciou reformas na institución para facela “máis inclusiva”. Aínda así, “a confianza é escasa entre os Estados máis vulnerábeis” tras as “promesas incumpridas por parte das nacións máis desenvoltas”, apunta France24, algo no que fixo especial fincapé o presidente surafricano, Cyril Ramaphosa.

Pola súa parte, o líder brasileiro Lula da Silva incidiu en que ningunha destas entidades financeiras “funciona”, criticando que non só non responden “ás aspiracións e intereses actuais, senón que de feito en ocasións incluso causan a quebra dos Estados”.

"Broma" climática

Lula tamén afirmou que “a cuestión climática se converteu nunha broma”, logo de que o punto da declaración final neste aspecto se resumira a destacar as “boas probabilidades” de que en 2023 os Estados con máis recursos económicos acheguen máis de 90.000 millóns de euros para loitar contra o cambio climático, algo que non cumpriron nos exercicios anteriores.

Aliás, a primeira ministra de Barbados, Mia Mottley, ratificou que os contaminadores históricos, os países industrializados do norte, teñen que brindar axuda financeira para reparar as consecuencias das súas accións.

O principal entendemento chegou ao outorgar aos Bancos Multilaterais de Desenvolvemento un papel clave na redución da pobreza e a loita contra o quecemento global. O pacto final subliña que “agardamos un aumento xeral de 183.000 millóns de euros na capacidade crediticia” destas entidades na vindeira década, instándoas a asumir máis riscos e pedindo que por cada euro de préstamo delas se achegue outro euro de financiamento privado.

Comentarios