Paquistán sitúase ao bordo da bancarrota após as inundacións

2022 está a ser un ano fatídico para Paquistán, os efectos do cambio climático e a alza dos prezos ameazan con facer estoupar a economía dun país de 220 millóns de persoas.
Tendas de campaña para afectados polas inundacións en Karachi (Paquistán). (Foto: PPI via ZUMA Press Wire / dpa)
photo_camera Tendas de campaña para afectados polas inundacións en Karachi (Paquistán). (Foto: PPI via ZUMA Press Wire / dpa)

Unha superposición de crises, medioambiental, económica e política, ameazan con levar Paquistán á bancarrota no medio dunha fonda división social, mentres o país reclama axuda urxente para evitar caer nunha situación semellante á de Sri Lanka, onde a caída da economía intensificada pola suba dos prezos da enerxía levou a un multitudinario levantamento popular que obrigou o daquela presidente, Gotabaya Rajapaksa, a escapar da illa.

30.000 millóns de euros de danos por desastres

As modificacións nos patróns dos monzóns provocaron masivas inundacións en boa parte do país. Un terzo de Paquistán chegou a estar baixo a auga, indicou a ministra de Cambio Climático, Sherry Rehman.

Afectando principalmente as provincias de Baluchistán e Sindh, no sur, e a Khyber Pakhtunkhwa, no norte, a auga arrasou múltiples cidades en distintas ondas, acabando por provocar crecidas descomunais nos ríos que obrigaron a evacuar millóns de persoas.

Os datos ofrecidos pola Autoridade Nacional de Xestión de Desastres paquistaní revelan que 1.700 persoas faleceron desde xuño por mor das inundacións a raiz das chuvias monzónicas, 630 delas crianzas. Arredor de 13.000 persoas ficaron feridas e 33 millóns sen fogar. Asemade, os monzóns danaron máis de 13.000 quilómetros de estradas, 440 pontes e acabaron coa vida de 1.200.000 cabezas de gando.

O Executivo paquistaní cifrou as perdas en 30.000 millóns de euros, aproximadamente 10% do produto interior bruto anual do país asiático.

Un estudo feito pola Administración Nacional estadounidense de Aeronáutica e o Espazo (NASA) conclúe que detrás deste desastre atópase o cambio climático, sostendo que o impacto das chuvias monzónicas agravouse polo continuo desxeo dos glaciares en Paquistán, o lugar do planeta -fóra dos polos- con máis xeo glacial.

Nesta liña, o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, incidiu nunha visita a Islamabad en setembro en que non vira “nunca unha masacre climática desta magnitude”, exixindo aos grandes contaminadores “deter esta tolemia”.

“Por que o meu pobo paga o prezo do quecemento global?”, reiterou na Asemblea Xeral da ONU Shehbaz Sharif, primeiro ministro paquistaní, facendo fincapé en que o país só representa 0,8% das emisións mundiais de CO2.

Unha economía no límite

Dos 30.000 millóns de euros de perdas, Paquistán apenas conseguiu 600 millóns en compensacións ofrecidas pola comunidade internacional, advirte o economista Yousuf Nazar. A inflación chegou ao seu punto álxido dos últimos 47 anos, co 27,3%, acompañada dunha caída constante do valor da rupia paquistaní (30% desde 2020) e dun nivel de reservas de divisas moi baixo, ao que hai que sumar unha incipiente crise alimentar, posto que a destrución de colleitas polas inundacións leva a exportar menos e importar máis alimentos, o que “premerá definitivamente o tipo de cambio empeorando a balanza comercial”, alerta a analista Maryam Zia Baloch en Nikkei Asia, implicando unha alza aínda maior do prezo dos alimentos.

Así e todo, a principal preocupación de Islamabad debe ser a subministración de enerxía, resolve Nazar, que advirte que a inflación podería acabar en 70% como en Sri Lanka se Paquistán queda sen fondos para adquirir petróleo e gas natural. Hai poucos días, ficou deserta unha licitación para un contrato de subministración de gas natural a longo prazo, ao ser o país -e outras moitas nacións emerxentes- incapaz de competir cos prezos que está a pagar a Unión Europea para acaparar a maior cantidade de gas posíbel en substitución ás adquisicións que antes facía en Rusia.

En agosto, no peor intre das inundacións, asinou un acordo co Fondo Monetario Internacional para un préstamo de 1.100 millóns de euros cunhas “condicións moi duras”, recoñeceu Sharif. Para brindar os cartos, a entidade exixiu impor novos impostos ao petróleo, ao gas e á electricidade, acompañado dun importante recorte en gasto social que dificulta recuperarse dos danos das inundacións ás clases sociais máis desfavorecidas.

Ou se relaxa a débeda externa do país (precisa 41.000 millóns de euros para pagar os compromisos de débeda dos vindeiros 12 meses), ou “desatarase o inferno” en Paquistán, ratifica o mandatario.

Imran Khan pula por volver a dirixir o país

Xustificados na situación económica, os partidos que dominaron a vida política desde a creación do Estado en 1947, a Liga Musulmá e o Partido do Pobo, impulsaron unha moción de censura no Parlamento contra o daquela primeiro ministro, Imran Khan (Movemento pola Xustiza), que acabou co seu mandato en abril.

Khan acusounos de formar parte dunha conspiración dirixida polos Estados Unidos contra o Goberno que lideraba desde 2018, motivada polo seu achegamento a Rusia e á China e polas críticas á actuación dos americanos no Iraq e Afganistán. Polo de agora, Khan atópase percorrendo o país no medio dunha campaña para reclamar un adianto electoral e denunciar a corrupción do liderado actual.

No único proceso electoral que se desenvolveu desde a súa destitución, as eleccións parciais á Asemblea de Punjab, a súa formación fíxose con 16 dos 20 asentos en xogo.

Comentarios