O cónsul honorario de Rusia denuncia ameazas de morte: afirma que até se presentaron na súa oficina

Lamentou que en moitos casos, ese acoso chega até as crianzas, descendentes de matrimonios entre persoas rusas e españolas, que viven episodios de odio por parte de compañeiros e docentes.
Toma de posesión de Pedro Mouriño como cónsul de Rusia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Toma de posesión de Pedro Mouriño como cónsul de Rusia. (Foto: Nós Diario)

O cónsul honorario de Rusia na Galiza, Pedro Mouriño, afirmou amedios locais no día de onte ter recibido centenares de ameazas de morte desde o comezo da guerra en Ucraína.

A pesar de que a maioría tiveron lugar de forma anónima, lamentou que tres persoas de orixe ucraína presentáronse nunha das súas oficinas para asegurarlle que o ían matar.

Unha das amezas que recibiu Pedro Mouriño
Unha das amezas que recibiu Pedro Mouriño. (Foto: Pedro Mouriño)

O empresario explica que xa presentou unha denuncia ante a Policía española, dirixida a Fiscalía de Delitos de Odio, e que a Embaixada rusa tamén fixo traslado dos feitos ao Ministerio de Asuntos Exteriores español.

Mouriño afirmou que todo comezou con chamadas nas que, despois duns segundos de silencio, colgaban. Porén, a violencia rapidamente escalou, até producirse o episodio dos tres homes que o ameazaron de morte.

"Rusofobia" xeralizada

Para o cónsul honorario, a guerra en Ucraína desatou un contexto de "rusofobia" xeralizada, non só contra el, senón que contra toda a colonia rusa residente no Estado español, a pesar de que, segundo el, "na súa maioría están en contra do conflito".

Lamentou que en moitos casos, ese acoso chega até as crianzas, descendentes de matrimonios entre persoas rusas e españolas, que viven episodios de odio por parte de compañeiros e docentes.

"Pregúntanlle a estes menores a súa opinión sobre os bombardeos en Ucraína", engade, para despois asegurar que instruíron os pais para que se poñan en contacto coa dirección dos centros educativos nos que ocorren estes feitos. "Se non fan caso, acudiremos á inspección da Consellaría de Educación".

Mouriño sinalou que actualmente residen no Estado español unhas 90.000 persoas de nacionalidade rusa, "e non son culpábeis (da guerra) e participaron na recollida de alimentos e na solidariedade".

Comentarios