Catalunya

Catro anos e medio de prisión para o ex conseller Miquel Buch polo escolta de Puigdemont

"Sorprende esa axilidade e esa rapidez. E, vendo cal é o resultado desta sentenza, dá a sensación de que había moita présa por condenarme", afirmou o ex conseller.
O ex conseller catalán Miquel Buch, no xuízo. (Foto: D. Zorrakino. POOL / Europa Press)
photo_camera O ex conseller catalán Miquel Buch, no xuízo. (Foto: D. Zorrakino. POOL / Europa Press)

A Audiencia de Barcelona vén de condenar o ex conseller catalán de Interior Miquel Buch (2018-2020) a catro anos e medio de cárcere tras o xuízo no que foi acusado de designar o mosso d'esquadra Lluís Escolà como cargo de confianza do ex president Carles Puigdemont, a fin de que o escoltase no estranxeiro, logo de que se aplicase o artigo 155 da Constitución en 2017 e, en consecuencia, quedase disolto o Parlament de Catalunya.

Para Escolà, o tribunal ditou outra pena de catro anos de cárcere, segundo a sentenza remitida aos medios de comunicación esta quinta feira. Nesta causa, a Fiscalía pedía para Buch unha condena de seis anos de prisión e 27 de inhabilitación, e para Escolà, catro anos e medio de cárcere e 23 de inhabilitación. A Fiscalía argumentaba o "desvío de fondos públicos" para protexelo de maneira encuberta, algo que a defensa dos acusados negou, insistindo en que as viaxes a Bruxelas (Bélxica) eran "persoais e "compatíbeis" co exercicio do seu cargo, e que cobrara "como asesor en sistemas de seguridade".

"En só un mes —após o xuízo, decorrido este pasado verán— está escrita unha sentenza de 80 páxinas. Sorprende esa axilidade e esa rapidez. E, vendo cal é o resultado desta sentenza, que é condenatoria, dunha forma inxusta e moi besta, dá a sensación de que había moita présa por condenarme", censurou Buch logo de coñecer a decisión dos maxistrados, en declaracións a TV3. "Perséguenme a min porque contratei un asesor que era un mosso d'esquadra cunha boa relación co president Puigdemont", engadiu na radio RAC1.

Tamén desde a dirección do seu partido, Junts, cuestionaron a sentenza. O secretario xeral, Jordi Turull, asegurou que a condena é unha cuestión "de vinganza, non de xustiza". "Hai unha cúpula xudicial e un Estado totalmente desbocados contra o independentismo. E xa abonda!", afirmou, nunha mensaxe publicada na rede social X.

E presidenta da formación independentista, Laura Borràs, cualificou de "barbaridade" o veredicto e apuntou: "A lawfare —"persecución" ou "guerra" xudicial— condena cando sinala e despois a maquinaria completa o traballo. Penas de prisión e inhabilitación que son unha barbaridade. A loita do Estado continúa. A nosa, tamén", subliñou tamén a través das redes.

Desde as filas de ERC, a súa secretaria xeral e portavoz adxunta, Marta Vilalta, alegou ao respecto que "por iso é tan necesaria a amnistía". "Por iso é tan relevante resolver o conflito político coa autodeterminación. Por iso tense que acabar esta persecución política-xudicial. Por iso queremos ser un novo Estado", proseguiu.

Comentarios