Ascenden a 9.000 as persoas palestinas falecidas por mor dos ataques israelís en Gaza

Segundo as informacións recollidas pola axencia palestina de noticias Maan, unha escola da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (Unrwa) no campamento de refuxiados que acolle desprazados polas actuais hostilidades foi alcanzada nun ataque, sen que o organismo se pronunciase. Este medio indicou que hai vítimas mortais polo bombardeo, que sería o terceiro en Yabalia.
Un edificio destruído após un ataque israelí en Gaza (Foto: Naaman Omar / Zuma Press / Contactophoto).
photo_camera Un edificio destruído após un ataque israelí en Gaza (Foto: Naaman Omar / Zuma Press / Contactophoto).

O número de palestinas e palestinos mortos por mor da ofensiva do Exército de Israel contra a Faixa de Gaza desde o 7 de outubro superou a barreira dos 9.000, segundo indicaron esta quinta feira as autoridades do enclave palestino.

O portavoz do Ministerio de Sanidade palestino, Ashraf al Qidra, sinalou que até o momento confirmouse a morte de 9.061 persoas, mentres que preto de 32.000 resultaron feridas, tal e como recolleu a cadea de televisión palestina Palestine Today.

Horas antes, o propio Al Qidra cifrara en mil os mortos, feridos e desaparecidos por mor dos dous bombardeos executados polo Exército de Israel contra o campamento de refuxiados de Yabalia, situado no norte da Faixa e o máis grande do enclave, desde a xornada da terza feira, aínda que por agora non hai cifras exactas sobre falecidos, segundo un comunicado publicado polo ministerio a través da súa páxina na rede social Facebook.

Mortes nas Nacións Unidas

Segundo as informacións recollidas pola axencia palestina de noticias Maan, unha escola da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (Unrwa) no campamento de refuxiados que acolle desprazados polas actuais hostilidades foi alcanzada nun ataque, sen que o organismo se pronunciase. Este medio indicou que hai vítimas mortais polo bombardeo, que sería o terceiro en Yabalia.

A Unrwa indicou a cuarta feira que até o de agora se confirmou a morte de 70 dos seus traballadores en Gaza, onde realizou unha visita o comisionado do organismo, Philippe Lazzarini, quen subliñou que cada día "vólvese máis sombrío" a medida que seguen morrendo os seus compañeiros, e resaltou que a axencia ficará en Gaza para "permanecer" xunto aos palestinos refuxiados e o resto das súas comunidades.

Comentarios