BNG, EH-Bildu, CUP, Compromís, Más País-Equo, Junts e ERC reclaman que comparezan Sánchez e Marlaska polas mortes en Melilla

BNG, EH Bildu, CUP, Compromís, Más País Verdes-Equo, Junts e ERC presentaron na segunda feira unha solicitude de comparecencia de Pedro Sánchez e Fernando Grande Marlaska en relación ás mortes rexistradas no valado de Melilla após a actuación das forzas de seguridade marroquís.

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, no seu escano no Congreso, esta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, no seu escano no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Os grupos políticos queren que o presidente do Goberno español e o ministro do Interior informen en sede parlamentaria sobre os feitos acontecidos a pasada sexta feira nos que se rexistraron, cando menos, segundo as ONG un total de 37 falecidos e ducias de persoas feridas.

Na solicitude de comparecencia apuntan os dous membros do Executivo como “figuras responsábeis” do ocorrido e sinalan que é consecuencia “das políticas migratorias da Unión Europea e do novo acordo entre o goberno do Estado español e o Goberno marroquí”.

Ademais, coa iniciativa, BNG, EH Bildu, CUP, Compromís, Más País Verdes-Equo, Junts e ERC amosan o seu malestar coas declaracións de Pedro Sánchez nas que felicitou a “cooperación” do dispositivo das forzas e corpos de seguridade de Marrocos e de España para frear o que denominou “asalto violento” de migrantes.

Esta segunda feira, a Asociación Marroquí de Dereitos Humanos denunciou que as autoridades de Marrocos están a habilitar varias fosas nun descampado para soterrar os inmigrantes. Tamén advertiu de que non se van practicar autopsias aos falecidos que, de momento, permanecen na morgue do hospital Hassani, en Nador.

Segundo a entidade, Marrocos pretende evitar que se inicie unha investigación, o que supuxo as protestas de ONG que traballan sobre o terreo.

Ademais, a Unión Africana amosou esta segunda feira a súa preocupación polo “tratamento violento e degradante” por parte de Marrocos ás persoas migrantes que tratan de superar o valado de Melilla.

Tamén se pronunciou ao respecto o Executivo de Alxeria, que cualificou as mortes como “auténticas execucións sumarias”. Criticou, así, o “verdadeiro rostro” de Marrocos en política migratoria.

Comentarios