Biden asegura que Washington non enviará soldados a Ucraína

Macron reitera que "non hai ningunha liña vermella".
Joe Biden, presidente dos EUA. (Foto: Annabelle Gordon / Europa Press / Contacto)
photo_camera Joe Biden, presidente dos EUA. (Foto: Annabelle Gordon / Europa Press / Contacto)

“Non hai soldados estadounidenses na guerra en Ucraína, e estou decidido a que siga así”, insistiu na madrugada da sexta feira o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, no seu discurso do Estado da Unión, asegurando que Kíiv poder “deter [o presidente ruso Vladimir] Putin se apoiamos Ucraína e lle proporcionamos as armas que precisa para defenderse”.

A intervención de Biden, que reclamou un “alto o fogo inmediato” na agresión militar israelí contra Gaza, instando o seu aliado a non usar a axuda humanitaria como “moeda de cambio”, chega no marco da escalada de tensións entre a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e Rusia tras abrir a porta o mandatario francés, Emmanuel Macron, ao envío de tropas da alianza militar liderada por Washington a Ucraína.

Esa escalada, azuada por membros do Goberno estadounidense, que alertaron dunha guerra contra Moscova se Kíiv é derrotada, volveu intensificarse após transcender unhas novas declaracións de Macron, que nunha reunión con líderes de partidos políticos franceses subliñou que “non hai ningunha liña vermella nin límite” ao apoio galo a Ucraína.

Relatando a posibilidade de que os soldados rusos consigan avanzar cara a Odesa ou á capital ucraína, tería asegurado que “podería desencadear unha intervención posto que non debemos de ningunha maneira deixar que o faga”.

As forzas progresistas criticaron rapidamente as palabras de Macron, acusándoo de non apreciar “os riscos da súa obstinación militar”, e definiron como “extremadamente preocupante” que intente explicar “fronte a alguén que posúe armas nucleares que nós mesmos posuímos, que debemos demostrar que non temos límites”.

Até a conservadora Os Republicanos cuestionou a postura, cualificándoa como “inoportuna, non apropiada e incluso irresponsábel”.

A situación desencadeouse tras o segundo aniversario da invasión rusa e cando as tropas de Moscova están á ofensiva logo do fracaso da contraofensiva ucraína. O empeoramento das condicións dos militares ucraínos na fronte de batalla tamén espertou as críticas contra o presidente Volodimir Zelenski, que se enfrontou co daquela xefe do Exército, Valeri Zaluzhni, ao que acabou por despedir.

No marco da incógnita sobre o seu futuro, o líder ucraíno anunciou que designou Zaluzhni como novo embaixador no Reino Unido. Zelenski tamén chocou co alcalde de Kíiv, Vitali Klitschko, que denunciou que “todas as decisións as toma unha soa persoa”.

Comentarios